Galicia
Galicia

Estados Unidos: O veredicto pioneiro contra Youtube e Meta debe abrir o camiño a cambios que garantan a seguridade en liña

«En lugar de usar ferramentas contundentes como prohibir o acceso a redes sociais a adolescentes, os Estados deben esixir unha revisión fundamental do xeito en que operan estas plataformas, entre outras cousas abordando o seu deseño aditivo. Esta é a única vía para lograr unhas redes sociais realmente seguras”.

© GettyImages

26 de marzo de 2026

En resposta ao veredicto dun xurado estadounidense que declarou a Meta e Youtube responsables de deseñar plataformas daniñas para a infancia e a mocidade, Erika Guevara Rosas, directora xeneral de Investigación, Incidencia, Política e Campañas de Amnistía Internacional, declarou:

Este veredicto condenatorio representa un momento histórico no recoñecemento do dano causado polos xigantes tecnolóxicos cos deseños manipuladores das súas plataformas de redes sociais. Durante anos, as empresas de redes sociais, incluídas Meta e Youtube, obtiveron beneficios de atraer a nenos, nenas e á mocidade cun deseño aditivo que dá prioridade á interacción por encima do benestar. Integraron deliberadamente nas súas plataformas unhas características como o desprazamento infinito, a reprodución automática e as persistentes notificacións creadas para ‘enganchar’ aos usuarios e usuarias novos co fin de que fagan un uso compulsivo”.

O impacto tóxico destas características de deseño inseguras quedou de manifesto cando KGM, de 20 anos, contou ao tribunal de Los Ángeles que empezou a usar Youtube con só seis anos e Instagram con nove. A moza describiu que, cando era nena, pasábase ‘todo o día’ en liña. Co tempo, o seu uso compulsivo destas plataformas de redes sociais intensificouse, polo que tivo que loitar contra a súa adicción e unha depresión cada vez máis profunda.”

En lugar de usar ferramentas contundentes como prohibir o acceso a redes sociais a adolescentes, os Estados deben esixir unha revisión fundamental do xeito en que operan estas plataformas, entre outras cousas abordando o seu deseño aditivo. Esta é a única vía para lograr unhas redes sociais realmente seguras”.

Información complementaria

No seu veredicto histórico na causa de KGM, o xurado declarou que Meta e Youtube foran neglixentes e condenounos ao pago de seis millóns de dólares estadounidenses en concepto de danos e prexuízos. Meta e Google declararon por separado que non están de acordo co veredicto e que apelarán.

Snap, propietaria de Snapchat e TikTok, formaba inicialmente parte da causa, pero as dúas empresas chegaron a un acordo antes do xuízo.

Este veredicto podería influír nunha serie de causas que acusan a empresas de redes sociais de provocar dano a nenos, nenas e mozas.

Nunha causa separada en Novo México, un xurado declarou tamén a Meta responsable de danos causados á saúde mental e a seguridade de nenos e nenas no estado e ordenoulle pagar unha cuantiosa multa, aínda que Meta anunciou que apelará contra a decisión.