Galicia
Galicia

Estados Unidos, onde se disputan tres cuartas partes dos partidos do Mundial, enfróntase a unha emerxencia de dereitos humanos caracterizada polas políticas de inmigración discriminatorias e polas detencións arbitrarias e en masa levadas a cabo por axentes enmascarados e armados

30 de marzo de 2026

Millóns de persoas afeccionadas ao fútbol que asistirán á Copa Mundial masculina da FIFA 2026 no Canadá, México e Estados Unidos corren perigo de atoparse con inquietantes ataques contra os dereitos humanos, sobre todo os derivados das mortais e abusivas políticas estadounidenses de inmigración. Así o manifestou Amnistía Internacional hoxe. A organización de dereitos humanos advertiu de que as severas restricións á liberdade de expresión e protesta pacífica ameazan o torneo “seguro, acolledor e inclusivo” prometido pola FIFA.

No seu novo informe A humanidade debe triunfar: Defender os dereitos e abordar a represión na Copa Mundial da FIFA 2026, Amnistía Internacional expón con detalle os importantes riscos que poden correr, e cuxas repercusións poden sufrir, a afección, os xogadores, os xornalistas, os traballadores e traballadoras e as comunidades locais nos tres países anfitrións. Baixo o mandato do presidente Trump, Estados Unidos —onde se disputan tres cuartas partes dos partidos da Copa Mundial— enfróntase a unha emerxencia de dereitos humanos caracterizada polas políticas de inmigración discriminatorias e polas detencións arbitrarias e en masa levadas a cabo por axentes enmascarados e armados do Servizo de Inmigración e Control de Aduanas (ICE), a Oficina de Aduanas e Protección Fronteiriza (CBP) e outras axencias.

O goberno estadounidense deportou a máis de 500.000 persoas desde Estados Unidos en 2025: máis de seis veces o número de persoas que asistirán á final da Copa Mundial no Estadio MetLife”, declarou Steve Cockburn, director de Xustiza Económica e Social de Amnistía Internacional.

A vaga de detencións e deportacións ilexítimas, que bateu marcas, só foi posible mediante a erosión das salvagardas de debido proceso, e socavou os dereitos á liberdade e a seguridade de centos de miles de persoas migrantes e refuxiadas. Estas políticas esnaquizaron comunidades e crearon un clima de temor en todo Estados Unidos. O país está a vivir uns tempos profundamente incertos, que sen dúbida se estenderán á afección que desexe participar nas celebracións da Copa Mundial.”

As cidades anfitrioas da Copa víronse afectadas pola represión dos dereitos exercida polo goberno estadounidense. O presidente Trump mobilizou e despregou uns 4.000 efectivos californianos da Garda Nacional en Los Ángeles en xuño de 2025, en resposta ás protestas contra as redadas de inmigración. Dallas, Houston e Miami, cidades anfitrioas, asinaron todas elas acordos problemáticos para que as forzas locais encargados de facer cumprir a lei colaboren co ICE, o que incrementa o uso de perfís raciais e os ataques contra inmigrantes, e debilita a confianza entre as comunidades e as forzas da orde locais, o que dá lugar a unha redución da seguridade pública.

Respecto aos outros países anfitrións, México mobilizou 100.000 axentes de seguridade, incluídos militares, en resposta aos elevados niveis de violencia, o que aumenta o perigo para as persoas que protestan. Entre esas persoas atópanse as mulleres activistas que están a planear unha protesta pacífica para o partido de inauguración no Estadio Azteca de Ciudad de México, na que pedirán verdade, xustiza e reparación pola desaparición dos seus seres queridos. No Canadá, o impacto dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2010 en Vancouver e unha crecente crise de vivenda espertaron o temor de que as persoas sen fogar volvan ser desprazadas e empuxadas aínda máis ás marxes. O 15 de marzo, as autoridades de Toronto pecharon un centro de acollida contra o frío invernal que proporcionaba acubillo a persoas sen fogar, xa que o lugar onde se situaba fora reservado para o seu uso pola FIFA.

As restricións de viaxe impostas por Estados Unidos e as súas abusivas políticas de inmigración afectan ao deporte rei

Só en 2025, o goberno estadounidense deportou a máis de 500.000 persoas, 230.000 delas detidas dentro do país e 270.000 nas fronteiras, segundo unha análise dos datos oficiais do goberno realizado por The New York Times. Moitas foron deportadas violando o principio de non devolución (non-refoulement) a terceiros países cos que non teñen relación, para enfrontarse a detención arbitraria e prolongada.

En todo Estados Unidos, axentes federais, que se comportan ao estilo dos paramilitares, atacaron repetidamente a comunidades hispanas, negras, asiáticas e outras comunidades de cor e detiveron de xeito violento e arbitrario a persoas, incluídos menores de idade, preto das súas casas, escolas e lugares de traballo.

Posto que probablemente moitas comunidades inmigrantes dos Estados Unidos quererán reunirse para ver os partidos da Copa Mundial, e millóns de afeccionados e afeccionadas viaxarán ao país desde todos os lugares do mundo, o ICE e outras axencias constitúen unha arrepiante ameaza para quen vive nos Estados Unidos, para quen viaxa alí para asistir a un partido e para os propios xogadores.

Debido ás prohibicións de viaxar ditadas polo goberno de Trump, os afeccionados e afeccionadas de Costa do Marfil, Haití, Irán e Senegal non poderán viaxar e entrar no país para animar aos seus equipos a menos que tivesen un visado válido antes do 1 de xaneiro de 2026. Outros afeccionados e afeccionadas enfróntanse a vixilancia invasiva e a propostas de obrigar aos e as visitantes para facer públicas as súas contas en redes sociais para sometelas a exame e facer unha selección en busca de persoas con sentimentos contrarios aos Estados Unidos.

A pesar da incrible cifra de detencións e deportacións, nin a FIFA nin as autoridades estadounidenses deron garantías de que a afección e as comunidades locais estarán a salvo da utilización de perfís raciais e étnicos, as redadas indiscriminadas ou a detención e deportación ilexítimas”, manifestou Steve Cockburn.

Só catro das 16 cidades anfitrioas publicaron ata o de agora os seus plans respecto aos dereitos humanos, e ningunha das que o fixeron ata a data di nada sobre a protección fronte á actuación abusiva contra a inmigración. Esta Copa Mundial xa non é o torneo de ‘risco medio’ que a FIFA determinou en tempos que era: xa sexa para protexer á xente fronte ao ICE, para garantir o dereito á protesta ou para previr a falta de fogar, é preciso emprender accións urxentes para asegurar que a realidade desta Copa Mundial coincide coa súa promesa orixinal.”

O dereito á protesta e a liberdade de expresión, ameazados

A Copa Mundial adoita ser un foco de protestas, e existe o risco de que se repriman as manifestacións.

En todo Estados Unidos, Canadá e México houbo restricións dos dereitos á liberdade de expresión e reunión pacífica. O goberno de Trump atacou en particular a estudantes de procedencia estranxeira que protestaban contra o xenocidio que Israel está a levar a cabo en Gaza, mentres que axentes federais mataron a persoas de cidadanía estadounidense que vixiaban as agresivas accións de control da inmigración e protestaban contra elas.

Canadá foi escenario dunha onda de protestas contra o xenocidio en Gaza, incluídas grandes manifestacións pacíficas e acampadas de estudantes que foron dispersadas e disoltas indebidamente pola policía.

En México tamén se celebraron unha serie de protestas relacionadas coa Copa Mundial, organizadas por residentes enfurecidos polas alteracións da subministración de auga, os problemas de acceso á terra, o aumento dos prezos e a xentrificación vinculados á construción de infraestruturas nas cidades anfitrioas. A militarización da mobilización de seguridade en México para o torneo entraña o risco de que poidan reprimirse novas protestas.

Os dereitos humanos deben ocupar un lugar central no torneo

Cando só quedan algo máis de 10 semanas ata o inicio da Copa Mundial, o compromiso da FIFA respecto a un torneo no que todo o mundo “se sinta seguro, incluído e libre de exercer os seus dereitos” require accións urxentes para garantir que este fermoso deporte non corra o risco de terminar mal. Os membros de grupos LGBTQI+ en Reino Unido e toda Europa declararon que para estas persoas non é seguro ter unha presenza visible no torneo.

Mentres a FIFA xera inxentes ingresos coa Copa Mundial de 2026, non se pode facer pagar o prezo á afección, ás comunidades, aos xogadores, aos xornalistas e aos traballadores e ás traballadoras. É a estas persoas —non aos gobernos, aos patrocinadores ou á FIFA— a quen pertence o fútbol, e os seus dereitos deben ocupar un lugar central no torneo”, manifestou Steve Cockburn.

Información complementaria

Amnistía Internacional forma parte de Sports & Rights Alliance, un movemento de afeccionados e afeccionadas, atletas, traballadores e traballadoras, membros de comunidades locais e organizacións de dereitos humanos que pide á FIFA que traballe cos países anfitrións para protexer as persoas residentes e as comunidades das cidades anfitrioas.