AMNISTÍA INTERNACIONAL ESIXE AO CONCELLO DE VIGO E Á XUNTA QUE PROPORCIONEN UN ALOXAMENTO ALTERNATIVO ADECUADO E ESTABLE ÁS PERSOAS DESALOXADAS DA NAVE DO BERBÉS
Amnistía Internacional sinte preocupación porque o desaloxo se executara sen a participación e información ás persoas afectadas e sen poder garantirlles unha alternativa habitacional estable e adecuada.
Foto da nave desaloxada no Berbés cedida polo colectivo As Ninguéns
Venres 17 de abril de 2026.
Vigo.- En senllas cartas remitidas hoxe ao Alcalde e á Delegada da Xunta en Vigo, Amnistía Internacional lémbralles a obriga das autoridades de protexer os dereitos das persoas sen fogar que vivían na antiga nave de Pescanova no Berbés desaloxadas esta semana por orde xudicial ante o estado do edificio.
“Amnistía Internacional sinte preocupación porque o desaloxo se executara sen a participación e información ás persoas afectadas e sen poder garantirlles unha alternativa habitacional. Segundo as normas internacionais sobre o dereito á vivenda, nestas condicións non se poden facer desaloxos”, declarou Isabel Flores, Coordinadora de Amnistía Internacional en Vigo.
“As normas internacionais de dereitos humanos recomendan evitar os desaloxos sempre que sexa posible e, no caso de que se produzan, asegurar que se esgotaron as medidas alternativas, se garante a participación e información das persoas afectadas, se proporciona un aloxamento alternativo adecuado e estable e se facilita asistencia xurídica ás persoas afectadas por posibles reclamacións ou reparacións xudiciais”, sinalou a voceira local de Amnistía Internacional.
A organización pediu unha reunión co Concello e a Xunta para ser informada das medidas adoptadas e os plans para garantir os dereitos das persoas sen fogar.
Amnistía Internacional esixe unha alternativa de vivenda adecuada e estable para as persoas afectadas por este desaloxo, ampliar as prazas do albergue municipal, eliminar o límite temporal de 15 días das estancias no albergue, garantir os recursos suficientes para que ningunha persoa quede sen fogar como consecuencia dun desaloxo, crear unha bolsa pública de vivendas para persoas sen fogar e elaborar un plan fronte ao senfogarismo e á infravivenda en Vigo que inclúa un parque propio de vivenda social e recursos suficientes para atender emerxencias.
