Galicia
Galicia

Para que Vigo chegue a ser «a mellor cidade para vivir» é preciso ter onde vivir.

«Menos discursos e máis recursos». Ese foi un dos moitos cánticos que berramos as aproximadamente mil persoas que, convocadas polas 15 organizacións sociais integrantes da Alianza pola Vivenda*, marchamos o pasado pasado sábado 21 marzo dende a Praza de España ata a Delegación da Xunta, baixo o lema VIGO POLO DEREITO A TEITO. 

A escaseza de vivenda e alugueiros polas nubes en Vigo e noutras cidades e vilas galegas xa se converteu nunha emerxencia habitacional para unha boa porcentaxe da poboación, incluída xente nova, maior e persoas e familias en situación de vulnerabilidade. 

O espazo conxunto da Alianza, que leva meses traballando conxuntamente, facilitou o traballo de incidencia e mobilización. O acceso a unha vivenda digna deixou de ser un dereito para converterse nun privilexio. Con todo, hai solucións para satisfacer as necesidades sociais, con medidas a curto e medio prazo:

1. Aplicando o control de prezos do alugueiro que prevé a Lei de Vivenda: o estudo encargado no ano 2025 polo Concello de Vigo ven confirmar que temos 17 zonas da cidade onde os prezos medran por encima do IPC, con prezos por riba dos 700 Euros ao mes. O Concello de Vigo non pode agardar máis para pedir á Xunta a aplicación de control de prezos do alugueiro.

2. Creando dun parque público de vivenda social, un 15 % do parque total, que ven sendo a media europea. 

No marco dun plan plurianual con perspectiva de xénero cómpre adoptar as seguintes medidas: 

  • Compra de vivenda para un parque propio de vivenda social; 
  • Aumentar axudas á rehabilitación de vivendas baleiras para poñelas no mercado do alugueiro. Só en Vigo hai en máis de 20.000 vivendas non habitadas dun parque total de 150 mil. En toda Galicia a cifra de vivenda baleira supera o medio millón.
  • Potenciar os programas de intermediación do alugueiro como os que xa ten en marcha o Concello con entidades sociais, e
  • Garantir unha alternativa habitacional nos despexos de persoas e familias en situación de vulnerabilidade. En 2025, a media de lanzamentos en Vigo foi de case 6 á semana, una cifra que se achegou aos mil en toda Galicia, a maioría por impagamento do alugueiro.

3. Aplicando unha moratoria dos pisos turísticos, unha práctica especulativa que encarece prezos, reduce o número de vivendas dispoñibles para alugueiro habitual e expulsa gradualmente á veciñanza.

4. Ampliando os recursos humanos e materiais para a atención ás persoas sen fogar e emerxencias: o número de prazas ofertadas, así como a limitación das estancias, unido á falta de acompañamento social, psicolóxico e sanitario crea unha situación de desamparo, creando tamén bolsas de senfogarismo encuberto, especialmente no caso de mulleres. No caso dos servizos sociais por exemplo, non acadamos a ratio prevista na lexislación galega de unha traballadora social por cada 8.000 persoas (na actualidade, supera as 17.000).

5.  Creando residencias públicas para a mocidade, que permitan o acceso á educación superior en condicións de igualdade; a súa integración nos barrios ou as axudas para o alugueiro de vivendas mantería en primeiro plano a idea de dereito á vivenda. 

Porque para que Vigo chegue a ser, como afirma a campaña de publicidade institucional do seu Concello, «a mellor cidade para vivir» é preciso ter onde vivir.

A Alianza Pola Vivenda está formada polas seguintes organizacións:

Foro Socioeducativo As Ninguéns, Amnistía Internacional, Sindicato Estudantil Fervenza, Sindicato de Inquilinas Vigo, Asociación veciñal de Teis, Verdegaia, Plataforma Galega Vivenda Xa!, CIG, Ecoloxistas en Acción, Oficina de Valores Non Inventariables, Espazo Aberto Antimilitar, Árbore, EMAUS, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Erguer.