Galicia
Galicia

Preocupación polas 175 persoas detidas arbitrariamente tras a interceptación por parte de Israel da Flotilla Global Sumud que se dirixía a Gaza

A interceptación ilegal da Flotilla Global Sumud e a detención arbitraria de decenas de activistas poñen de relevo as consecuencias da impunidade polos crimes atroces que Israel segue cometendo contra a poboación palestina

30 de abril de 2026

En resposta ás informacións segundo as cales as forzas israelís interceptaron 22 embarcacións e detiveron a uns 175 tripulantes da Flotilla Global Sumud, incluídas sete activistas de Galicia, que intentaba romper o bloqueo ilegal de Israel e entregar axuda humanitaria esencial á Franxa de Gaza ocupada, no medio do xenocidio que Israel está a perpetrar, Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional en Galicia declarou:

“A descarada e ilegal interceptación por parte de Israel dos buques da Flotilla Global Sumud e a detención arbitraria de decenas de activistas poñen de relevo as perigosas consecuencias de décadas de impunidade polos crimes atroces que Israel segue cometendo contra a poboación palestina, incluídos o xenocidio na Franxa de Gaza e o apartheid, así como a súa ocupación ilegal do territorio palestino”.

«É indignante que activistas que participan nunha misión pacífica de solidariedade destinada a romper o bloqueo ilegal de Israel sobre a Franxa de Gaza e a entregar axuda médica e subministracións a persoas que se enfrontan a unha crise humanitaria catastrófica —debido ás condicións impostas deliberadamente por Israel— fosen detidas arbitrariamente unha vez máis.

«O feito de que a Armada israelí percorra centos de millas por mar só para asegurarse de que os barcos civís que transportan alimentos, leite de fórmula para bebés e subministracións médicos non cheguen á poboación palestina pon de manifesto ata onde está disposto a chegar Israel para manter o seu cruel e ilegal bloqueo da Franxa de Gaza ocupada, que xa dura 19 anos.

«A pesar do chamado cesamento do fogo en Gaza do 9 de outubro de 2025, Israel só permitiu que cheguen subministracións extremadamente limitadas a unha poboación cuxa gran maioría foi desprazada pola forza e vive en condicións de extrema privación e no medio dunha devastación total, aglomerada en apenas o 40% da Franxa de Gaza, mentres que o exército israelí converteu a maior parte desta zona do territorio ocupado nunha zona prohibida e mortal para os palestinos.

«Existe unha gran preocupación pola seguridade de ao redor de 175 persoas activistas, incluídas sete de Galicia, detidas arbitrariamente e que están a ser trasladadas a Israel, tras a abordaxe das súas embarcacións en augas internacionais preto de Grecia e despois de que Israel bloquease as súas canles de comunicación, privándoas da capacidade de coordinarse ou pedir axuda. Amnistía Internacional documentou malos tratos e abusos contra activistas a bordo da Flotilla Global Sumud que foron detidas en outubro de 2025 despois de que o exército israelí interceptase as súas embarcacións, incluíndo privación do soño, negativa a proporcionarlles auga potable e atención médica. En Italia, a Fiscalía de Roma está a investigar actualmente estes abusos contra 36 activistas italianos, incluídas as denuncias de tortura e outros malos tratos.

«A tripulación dos buques interceptados debe ser posta en liberdade de forma inmediata e incondicional. Mentres permanezan baixo custodia, as autoridades israelís deben garantir que todos as persoas activistas teñan acceso inmediato a asistencia consular, sexan tratadas humanamente e estean protexidas contra a tortura e outros malos tratos. Os Estados deben apoiar urxentemente aos seus nacionais detidos. Así mesmo, deben adoptar con carácter urxente medidas concretas para poñer fin ao xenocidio de Israel contra a poboación palestina en Gaza, entre outras cousas levantando de inmediato o seu bloqueo ilegal e permitindo que a axuda humanitaria entre sen obstáculos e distribúase por toda a Franxa de Gaza. Os terceiros Estados deben deixar de conceder a Israel impunidade polos seus crimes atroces e acelerar a adopción de medidas para poñer fin á ocupación ilegal por parte de Israel do Territorio Palestino Ocupado, tal e como indicou a Corte Internacional de Xustiza en 2024”.