República Democrática do Congo: Abusos xeneralizados das Forzas Democráticas Aliadas contra civís
A poboación civil do leste da República Democrático do Congo vén sufrindo unha brutalidade extrema a mans dos combatentes das Forzas Democráticas Aliadas en forma de homicidios, secuestros e torturas, nunha campaña deshumanizadora de abusos.
Foto de Brent Stirton/Getty Images
- Homicidios, secuestros e torturas de civís nunha campaña sostida de violencia
- As violacións cometidas polo grupo vinculado ao Estado Islámico constitúen crimes de lesa humanidade
- “A violencia das ADF está a contribuír á intensificación da crise humanitaria” – Agnès Callamard
05 de maio de 2026
“A poboación civil da rexión oriental da República Democrática do Congo (RDC) sofre un aumento dos abusos contra os dereitos humanos cometidos por combatentes das Forzas Democráticas Aliadas (ADF) que constitúen crimes de guerra e crimes de lesa humanidade”, di Amnistía Internacional nun novo informe.
“I’d Never Seen Xo Many Bodies”: War Crimes by the Allied Democratic Forces in the eastern Democratic Republic of Congo documenta ataques violentos das ADF contra civís, secuestros e traballos forzados, recrutamento e uso de menores, e abusos e outros crimes contra mulleres e nenas como matrimonios forzados, embarazos forzados e outras formas de violencia sexual.
Os actos cometidos polas ADF, grupo relacionado co Estado Islámico, constitúen numerosas violacións do dereito internacional humanitario, moitas das cales son crimes de guerra e crimes de lesa humanidade. Os ataques están a perpetrarse en extensas zonas da rexión oriental da RDC, onde o grupo armado Movemento 23 de Marzo (M23), apoiado por Ruanda, está tamén implicado en ataques en gran escala contra civís. A comezos de 2025, mentres a atención nacional e internacional estaba dirixida aos avances do M23, as ADF beneficiáronse da conseguinte desviación de tropas e da atención.
“A poboación civil da rexión oriental da RDC vén sufrindo unha brutalidade extrema a mans dos combatentes das ADF en forma de homicidios, secuestros e torturas, nunha campaña deshumanizadora de abusos”, afirma Agnès Callamard, secretaria xeral de Amnistía Internacional.
“Os combatentes das ADF asaltaron comunidades e leiras, atacaron centros médicos, e saqueado e incendiado vivendas. A violencia deste grupo está a contribuír a unha intensificación da crise humanitaria. Os seus ataques aumentaron o desprazamento e interromperon servizos básicos como o acceso a alimentos, atención médica e educación”.
“Os ataques incesantes do grupo poñen de relevo o alcance da inseguridade e o solapamento de crise na rexión oriental da DRC, e subliñan a necesidade urxente de que o goberno e a comunidade internacional intensifiquen os esforzos para protexer á poboación civil e levar aos responsables ante a xustiza”.
“Estes abusos constitúen crimes de guerra que o mundo non debe seguir ignorando. Como parte dun ataque xeneralizado e sistemático contra a poboación civil, tamén constitúen crimes de lesa humanidade”.
Amnistía Internacional levou a cabo investigacións na provincia de Kivu Setentrional en novembro de 2025. En total, fixéronse entrevistas a 71 persoas, 61 delas presenciais con testemuñas directas e sobrevivientes de ataques, membros da sociedade civil, militares e policías, e persoal humanitario, mesmo da ONU.
As Forzas Armadas da República Democrática do Congo (FARDC) levan anos combatendo contra as ADF con algún apoio da misión de Estabilización das Nacións Unidas na República Democrática do Congo (MONUSCO). As FARDC e as Forzas de Defensa do Pobo de Uganda (UPDF) comezaron unha operación militar conxunta contra as ADF en novembro de 2021.
“Disparaban a todo o que se movía”
Amnistía Internacional documentou oito ataques das ADF nas provincias de Ituri e Kivu Setentrional: sete en 2025 e un en 2024. Segundo testemuñas, as forzas de seguridade, incluídas as tropas das FARDC de bases próximas, non sempre responderon ou chegaron tarde ao lugar dos ataques.
Aínda que as ADF atacan ás forzas de seguridade, o seu obxectivo principal, nos últimos anos, é a poboación civil, á que atacan deliberadamente non só para roubar comida, medicamentos e outras subministracións, senón tamén como represalia por operacións militases.
O 8 de setembro de 2025, na aldea de Ntoyo, combatentes das ADF fixéronse pasar por civís e mesturáronse con quen asistía a un velorio antes de atacar repentinamente á xente. O baño de sangue —no que se utilizaron martelos, machadas, machetes e pistolas— saldouse coa morte de máis de 60 persoas no medio da ausencia das forzas de seguridade.
Unha testemuña dixo que vira aos combatentes matar á súa irmá cunha machada. Outra contou que os combatentes entraran na súa casa e secuestraran ás súas catro fillas. Unha terceira atopou o corpo dos seus proxenitores pola mañá: o seu pai morrera a tiros, mentres que a súa nai fora golpeada cun martelo. Dixo: “Nunca vira tantos cadáveres”.
O 12 de xullo de 2025, as ADF mataron a oito persoas durante un asalto en Otmaber, no territorio de Irumu de Ituri. Unha muller dixo a Amnistía Internacional que os combatentes dispararan contra ela, o seu esposo e o seu fillo de sete anos. Dixo: “Despois de dispararnos, empezaron a incendiar casas […] [O meu fillo e eu] arrastrámonos amodo ata unha casa que non estaba queimada e pasamos a noite alí […] [O exército] non veu nin sequera pola mañá. Todo o mundo tivo que valerse por si mesmo”.
O grupo tamén atacou en varias ocasións centros de saúde e saqueado subministracións. En novembro de 2025, atacou un centro de saúde da vila de Byambwe, onde matou polo menos a 17 civís e incendiou catro salas. Unha persoa maior que fuxiu a rastro do centro dixo: “Non podías poñerte de pé; disparaban a todo o que se movía”.
Varias persoas que foron testemuñas de ataques dixeron que tiñan flashbacks e pesadelos. Unha muller sobreviviu a unha machetada na cabeza mentres o seu fillo morreu cando incendiaron a súa casa nun ataque de agosto de 2025. Dixo: “O medo consómeme”.
Outra muller que sobreviviu ao mesmo ataque dixo: “Que fixemos para merecer estas cousas que nos están pasando? Canto máis debemos sufrir ata que isto acabe?”
Secuestros e toma de reféns
Amnistía Internacional documentou 46 casos de secuestro, sete deles para pedir rescate. As vítimas sufriron abusos e crimes adicionais, como traballo forzoso, tortura, escravitude sexual e homicidios ilexítimos.
A miúdo, as persoas tomadas como reféns e as secuestradas foron obrigadas a desempeñar labores de porte e a servir de guías para as ADF. Os combatentes dábanlles pouca comida, facíanlles camiñar durante días e levar cargas pesadas mentres as insultaban e golpeaban. Moitas veces mataban a quen mostraba signos de esgotamento.
As persoas secuestradas eran trasladadas entre campamentos situados no máis profundo do bosque. Quen era retidas por períodos máis longos eran obrigadas a realizar diversos traballos baixo ameaza de morte, como buscar comida e auga, cociñar, solicitar información, recoller entregas, sementar minas terrestres e desempeñar diferentes tarefas durante os ataques.
Unha muller que logrou fuxir a finais de 2024, despois de máis de dous anos de cativerio, dixo a Amnistía Internacional: “Ensináronnos a matar con armas e coitelas […] No bosque tiñas que facer o que che mandaban. Non podías ser débil”.
Recrutamento e utilización de nenos e nenas
A ONU considera ás ADF un dos grupos da RDC máis responsables do recrutamento e uso de nenos e nenas, a quen explota como combatentes e en traballos de porte, cociña e vixilancia, entre outros. Moitas persoas que estiveran secuestradas e numerosas testemuñas dixeron que viran a nenos e nenas que crían que tiñan tan só 10 anos participando nos ataques do grupo.
Amnistía Internacional entrevistou a dous menores que estiveran secuestrados e a tres mozos secuestrados cando eran menores e a quen as ADF utilizaran con varios fins. As persoas entrevistadas tiñan entre 13 e 17 anos cando foron secuestradas.
Un mozo, secuestrado cando tiña menos de 15 anos e que estivo en catividade uns dous anos, dixo: “Puxéronme nun grupo encargado de buscar comida […] Predicábannos o islam […] Cando era a hora de rezar, rezaba con eles. Se te negabas, podían matarte”.
Unha moza que foi secuestrada cando tiña menos de 15 anos dixo: “Empezaron a ensinarnos árabe porque eran musulmáns. Despois das clases de árabe dábannos adestramento de combate. Cando acabamos ese adestramento, empezamos a participar nalgúns ataques”.
Sometidos a numerosos abusos, mesmo tortura e outros malos tratos, estes nenos e nenas deben considerarse primeiro e sobre todo vítimas. Tamén se lles deben conceder proteccións adicionais como sobreviventes de trata que non podían dar o seu consentimento legal á súa propia explotación.
Violencia contra mulleres e nenas
Amnistía Internacional entrevistou a cinco mulleres e dúas nenas que foron secuestradas polas ADF e obrigadas a contraer “matrimonio”. As testemuñas dixeron que non se permitían relacións “extramatrimoniais”; con todo, varias das entrevistadas mencionaron incidentes de violencia sexual a mans de combatentes das ADF cara a mulleres e nenas fóra do “matrimonio”.
As entrevistas indican que as ADF daban “esposas” —ás veces, moitas— a combatentes como incentivo de recrutamento, e que a práctica é sistemática nos campamentos do grupo. As mulleres e nenas eran sometidas a longos períodos de violencia sexual e física.
As mulleres e nenas tamén contaron que as obrigaran a converterse ao islam e que as adoutrinaran na versión da relixión do grupo. Dixeron que as adestradoras e os xefes de campamento dixéranlles expresamente que tiñan que aceptar que lles desen “esposos” se non querían morrer; a varias obrigáronas a ver como mataban a outras que desobedeceran as ordes.
Unha moza que foi secuestrada cando era adolescente contou unha conversación que tivera co xefe do campamento: “Dixen que aínda era novo. El preguntou cantos anos tiña e díxenlle que 16. Dixo: ‘Iso é [idade] suficiente; aquí damos esposos a nenas de tan só 12 anos. Ou aceptas un esposo ou matámoste”. Dixo que o seu “esposo” a maltrataba reiteradamente e que a ameazaba con ser “sacrificada” se trataba de fuxir.
Seis das sete mulleres e nenas que foron tomadas como “esposas” dixeron que se quedaran embarazadas como consecuencia do matrimonio forzado. Cando estas mulleres e nenas secuestradas tamén lograron fuxir da escravitude sexual e doméstica, tiveron que facer fronte a sospeitas e estigmatización. Unha muller dixo que a presión da súa familia política para que matase aos dous fillos que naceran no bosque case a levou a quitarse a vida.
Varias entrevistadas dixeron que, despois de seren liberadas de mans do grupo, tiñan graves dificultades económicas e problemas para acceder a servizos médicos e atención especializada.
Recomendacións
As autoridades da RDC deben tomar máis medidas para protexer á poboación civil, o que inclúe traballar coa ONU e as comunidades locais, mellorar os mecanismos de alerta temperá e permitir unha resposta rápida ante posibles ataques. Fan falta un enfoque integral de seguridade, xustiza e rendición de contas, así como programas significativos de reintegración, para abordar as necesidades das comunidades e as persoas sobreviventes.
“As persoas sobreviventes dixéronnos que era urxente que se restablecesen a paz e a seguridade na rexión oriental da RDC para poder reconstruír as súas vidas”, dixo Agnès Callamard.
“O goberno congolés debe tomar medidas moito máis contundentes para garantir a protección da poboación civil. A comunidade internacional debe apoiar con firmeza ao Estado congolés para mellorar as iniciativas destinadas a protexer á poboación civil, garantir a xustiza e proporcionar un apoio a longo prazo e sostible a vítimas e sobreviventes. O desinterese da política internacional e os círculos de doantes respecto das ameazas e crimes xeneralizados das ADF só servirá para seguir socavando a seguridade e os dereitos humanos na rexión oriental da RDC”.
Información complementaria
As ADF xurdiron na década de 1990 en Uganda ao fusionarse varios grupos da oposición antes de refuxiarse en Zaire (actual RDC). En 2019, o Estado Islámico recoñeceu oficialmente o xuramento de lealdade das ADF e o grupo converteuse finalmente na Provincia do Estado Islámico en África Central.
