Galicia
Galicia

«Deixar a túa casa, a túa familia, o teu traballo e rutina e tirar millas a busca de acubillo, sen saber moi ben onde vas ir parar, que xente vas atopar ou en que lingua falan. A confusión da inxustiza que te obriga a marchar non desaparece cos brazos abertos de xente particular.»

Isabel Flores, Coordinadora de AI Vigo

Deixar a túa casa, a túa familia, o teu traballo e rutina e tirar millas a busca de acubillo, sen saber moi ben onde vas ir parar, que xente vas atopar ou en que lingua falan … como vas escolarizar as meniñas, os meniños, que levas contigo. A confusión da inxustiza que te obriga a marchar non desaparece cos brazos abertos de xente particular. 

Catro anos máis tarde esa xente ucraína que saiu en buses, viaxando dunha tirada ou en fases e que chegaran coa protección de persoas refuxiadas de guerra, viven entre nós,  agradecendo a acollida, e aínda partidas pola dor das novas diarias do inverno inclemente sen calefacción ou outras subministracións nas súas cidades orixinarias, as enfermedades dos pais ou amigas, … pero falando castelán,  manexándose en galego, compartindo as nosas rúas, recollendo os nenos dos mesmos colexios ca nós, asistindo a diversos centros de formación ou aos seus centros de traballo en Vigo e comarca…celebrando, entre as feridas do impacto emocional, a sorte de vivir onda nós.

Un grupiño desta xente vén reuníndose hai meses no local de Amnistía Internacional en Vigo para ‘realizar actividades de descarga psicolóxica, debuxo, conversas sobre a guerra e a busca de recursos para seguir adiante’ cómo o describe Natalia, a psicóloga que acompaña e xestiona este traballo, co apoio de AGA Ucraína (Asociación galega de axuda a Ucraína), coa que as nosas compas de AI A Coruña levan varios anos colaborando.

Sendo a nosa unha pequena contribución ao seu benestar, quixemos achegarnos máis e conversar co grupo para coñecer de primeira man as súas historias de vida. Foi un achegamento persoal xenuino, no que tanto as nosas activistas como as persoas ucraínas asistentes gozamos da ocasión, rimos falando do uso das mazás ou outros ingredientes da comida extraños ou comúns.

Unha vez que se recoñeceron datos e se expediran documentos por parte das autoridades, xa está, tírate á piscina e búscate a vida: as institucións do noso país ou do seu non acompañan no camiño. As organizacións de voluntariado son as que fornecen de apoio. A seguridade de vivir nun país en paz non borra a sensación de vulnerabilidade nacida do tempo vivido baixo os ataques rusos ou as tristes, as veces dolorosas novas de familiares e amigas que están no país vivindo entre ataques indiscriminados de Rusia contra infraestructuras de carácter civil (un presunto crime de guerra prohibido polo dereito internacional humanitario), con efectos inmediatos na poboación civil, cos efectos dos desprazamentos e familias que quedaron sen fogar e a perda de vidas humanas.

En todo o noso encontro estivo no aire a situación do país no sentido de que os compromisos coa xustiza e os dereitos humanos están a debilitarse a medida que algúns actores poderosos se encoraxan para desprezar o dereito internacional e debilitar aínda máis a orde baseada en normas: ataques imprudentes e descontrolados contra a Corte Penal Internacional, recentes limitacións á atención á poboación refuxiada ucraína, con algúns Estados suxerindo que algunhas partes do país son agora seguras para o retorno … A agresión de Rusia, un crime segundo o dereito internacional, esixe que sigamos defendendo os dereitos humanos, clamando contra a impunidade con determinación. 

Se queres saber máis

Catro anos da invasión de Ucraína – Galicia

Entrevista a Masha Pavlenko, vicepresidenta da Asociación galega de axuda a Ucraína (AGA Ucraína) – Galicia

Agresión de Rusia en Ucrania – Amnistía Internacional

Ucrania

https://www.es.amnesty.org/en-que-estamos/noticias/noticia/articulo/los-estados-europeos-inician-una-nueva-politica-migratoria-comun-que-amenaza-los-derechos-de-la-poblacion-migrante-y-refugiada

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *