Galicia
Galicia

As institucións locais autonómicas, tentan xustificar a problemática actual baseándose na falta de oferta e na necesidade de nova construción, esquecendo que a raíz do problema é a especulación.

Foto cedida por As Ninguéns. Mobilización da Alianza pola Vivenda Vigo no MARCO o venres 6 de novembro para reclamar medidas ao Concello e á Xunta.

A situación da vivenda en Vigo non deixa de recruar. Os prezos non deixan de medrar e semellan non ter tope. A oferta de vivenda habitual redúcese e tanto o Concello de Vigo como a Xunta de Galicia non están poñendo os esforzos precisos en mobilizar ás máis de 22.000 vivendas baleiras da cidade.

As institucións, tanto locais como autonómicas, tentan xustificar a problemática actual baseándose na falta de oferta e na necesidade de nova construción, esquecendo a raíz do problema que é a especulación. Que cada cinco anos cumprindo as nosas obrigas como inquilinas nos boten a rúa para poder subir abusivamente o alugueiro é especulación. Que utilicen contratos de tempada para reducir os dereitos das persoas inquilinas e poder subir abusivamente a renda ou botarnos cando lles apeteza é especulación. Que partillen un piso e o aluguen por habitacións para sacarlle máis rendemento é especulación. Que saquen as vivendas do mercado residencial para alugalas como pisos turísticos é especulación.

Unha crise habitacional que afecta á clase traballadora, á mocidade e ás pensionistas, pero tamén ás colectivas vulnerables e invisibilizadas como as persoas migrantes, racializadas, con diversidade funcional, en situación de rúa, en risco de exclusión, traballadoras sexuais, LGBTIQA+, familias monoparentais e multiespecie que sofren nas súas carnes os abusos, o racismo e a discriminación do sector inmobiliario, limitando aínda máis o seu acceso a un fogar.

Polo tanto, se queremos confrontar o conflito da vivenda é preciso combatelo dende a súa raíz, con medidas valentes e contundentes que contribúan a facer efectivo o dereito a teito, garantindo que toda persoa que o precise poida acceder a unha vivenda digna, estable e asumible.

Demandamos ao concello e á Xunta:

  • Declarar Vigo como zona de mercado tensionada para poder aplicar o control de prezos do alugueiro e confrontar directamente a especulación.
  • Crear un parque público xa  a partir da vivenda existente, mobilizando a vivenda baleira con altos gravames para os multipropietarios e recuperando as vivendas de fondos e bancos.
  • Frear os pisos turísticos a través dunha moratoria en todo o concello.
  • Parar os Proxectos de Interse Autonómico de Lavadores, procurar ubicacións onde non se expulse á veciñanza nen os usos tradicionais agrícolas, apostando por unha consulta a fondo coas comunidades afectadas e a distribución da vivenda pública polos diferentes barrios da cidade.
  • Garantir que ningunha persoa en situación de vulnerabilidade afectada por un despexo quede sen alternativa habitacional.
  • Solucións reais, marcos lexislativos e políticas públicas para colectivas vulnerables e invisibilizadas que garantan a protección e acompañamento integral fronte aos abusos, á persecución da racialización, á xenofobia, lgtbifobia e calquera outra forma de discriminación do sector inmobiliario.
  • Aplicar un plan con perspectiva de xénero para rematar co senfogarismo e o chabolismo garantindo o acceso a unha vivenda digna, estable e asumible para tódalas persoas que o precisen.

Non esiximos nada que non se poida lograr con vontade política. E se os respectivos gobernos non a teñen, o pobo teremos que forzalos a tomar as medidas que a cidade e o país necesitan. A loita continúa e non pararemos no noso empeño ata acadar que o dereito a teito sexa un feito.

A vindeira parada: a Folga Xeral do 11 de novembro. É a nosa oportunidade de parar o país para reivindicar os nosos dereitos. E, para elo, é fundamental que paremos a produción, que pechemos ese día os nosos negocios, que non merquemos e non consumamos máis aló do estritamente necesario, e que enchamos as rúas para esixir cambios que permitan confrontar a actual precariedade e carestía da vida.

Polo dereito a teito, pola suba dos salarios e as pensións e pola defensa do público!

Porque os dereitos non se regalan, conquístanse! Vémonos nas rúas!!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *