Galicia
Galicia

A conferencia de Santa Marta abre a porta a un impulso político histórico para unhas transicións xustas que deben traducirse nunha acción centrada nos dereitos

Santa Marta mostrou que existe interese político en que os Estados eliminen os fósiles na economía global e se embarquen en transicións xustas, pero ese impulso debe agora traducirse en accións concretas baseadas nos dereitos humanos.

A Primeira Conferencia Mundial sobre a Transición máis aló dos Combustibles Fósiles transmitiu un forte sinal político de que a era dos combustibles fósiles debe terminar; esta coalición de gobernos comprometidos debe agora converter o seu compromiso nunha cooperación internacional proactiva que achande o camiño a transicións xustas baseadas nos dereitos. Así o manifestou Amnistía Internacional o xoves 30 de abril, un día despois da finalización da conferencia de Santa Marta.

Convocada conxuntamente os gobernos de Colombia e Países Baixos, a conferencia reuniu a representantes de 57 países produtores e consumidores de combustibles fósiles xunto con membros de Parlamentos, intelectuais, sindicatos, organizacións da sociedade civil e representantes de pobos indíxenas, comunidades afrodescendentes, movementos da infancia e a mocidade e comunidades campesiñas, entre outros.

Celebrada do 24 ao 29 de abril, a reunión tivo lugar no contexto dunha crise enerxética global alimentada polos conflitos armados e da crecente frustración coas negociacións climáticas da ONU, que levan tres decenios sen facer fronte de forma significativa á produción de combustibles fósiles a pesar de a urxencia da crise climática.

Esta conferencia, que xurdiu como unha idea entre un crecente grupo de países implicados na Iniciativa do Tratado de Combustibles Fósiles, tivo lugar porque os procesos multilaterais existentes non están a cumprir a súa función. Durante 30 anos, os cumios sobre o clima non abordaron de fronte as causas fundamentais da crise climática”, manifestou Candy Ofime, investigadora e asesora xurídica sobre xustiza climática de Amnistía Internacional. “Santa Marta mostrou que existe interese político en que os Estados eliminen os fósiles na economía global e se embarquen en transicións xustas, pero ese impulso debe agora traducirse en accións concretas baseadas nos dereitos humanos.”

Un momento de crise e oportunidade

A conferencia tiña como obxectivo crear unha ampla coalición de gobernos comprometidos que abarque diferentes sectores para acelerar o intercambio de coñecementos e o impulso político sobre unha transición xusta, nun momento no que, como recoñeceu no seu discurso de apertura Irene Vélez Torres, ministra de Medio Natural e Desenvolvemento Sostible de Colombia, o mundo se enfronta a unha profunda crise de multilateralismo. Os debates da conferencia organizáronse ao redor de tres piares temáticos: superar a dependencia dos combustibles fósiles, transformar a oferta e a demanda e promover a cooperación internacional e a diplomacia climática.

O 25 de abril, os convocantes anunciaron a creación dun novo grupo científico internacional cuxo obxectivo era asesorar sobre a transición enerxética global a quen elabora as normas. Aínda que formulado como complementario ao Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPPC, polas siglas en inglés), algúns participantes expresaron preocupación pola falta de claridade respecto á súa composición, o seu mandato e os seus resultados previstos, así como pola aparente ausencia de epistemoloxías diversas, incluída a consideración en condicións de igualdade dos sistemas de coñecemento indíxenas e tradicionais.

Durante a sesión plenaria de clausura, Stientje van Veldhoven, ministra de Clima de Países Baixos, sinalou que a conferencia de Santa Marta pretendía ser “un acelerador do traballo” que operase noutros espazos multilaterais, incluídos procesos da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático (CMNUCC) como a Coalición para a Eliminación Progresiva dos Incentivos aos Combustibles Fósiles, Incluídos os Subsidios, presentada na COP28, e subliñou a importancia de invitar a outros Estados para unirse a ela.

Non poden deixarse de lado as demandas das comunidades

As comunidades máis afectadas pola extracción de combustibles fósiles e polo impacto climático utilizaron a conferencia para lanzar unha clara advertencia. Mediante unha declaración presentada durante a reunión, os pobos indíxenas, as comunidades en primeira liña e os movementos sociais pediron unha transición inmediata e equitativa para abandonar os combustibles fósiles, baseada na autodeterminación, e pediron tamén reparacións polos danos sufridos e respecto polos dereitos colectivos.

As ONG tamén expuxeron tres prioridades básicas: reforma do investimento, o comercio e a arquitectura económica internacionais para incrementar o espazo fiscal dos Estados —especialmente os países da maioría global— necesario para eliminar gradualmente os combustibles fósiles mediante unha reforma da débeda, unha tributación xusta e o rexeitamento dos mecanismos de Solución de Controversias entre Investidores e Estados; a adopción dun Tratado sobre os Combustibles Fósiles; e a elaboración de plans nacionais de transición xusta centrados nos dereitos humanos e a protección social.

Estas demandas reflicten o que, desde hai demasiado tempo, falta na política climática global: xustiza, equidade e rendición de contas”, declarou Candy Ofime. “Non se pode falar de transición xusta mentres os pobos indíxenas, as comunidades en primeira liña e os grupos marxinados sigan sendo sacrificados ante a contaminación, a débeda e a desposesión.”

O proceso importa

Amnistía Internacional acolleu con satisfacción a metodoloxía innovadora e máis inclusiva da conferencia, e o proceso de selección destinado a excluír aos actores vinculados ao sector dos combustibles fósiles. Con todo, expuxéronse preocupacións respecto ao proceso, incluídas algunhas relacionadas coa emisión de visados para participantes rexistrados de países da maioría global.

A conferencia adoptou un enfoque máis integral e participativo que a maioría dos cumios multilaterais, e acolleu positivamente as contribucións de pobos indíxenas, comunidades afrodescendentes, grupos de infancia e mocidade, sindicatos e ONG”, declarou Candy Ofime. “Para que este proceso teña credibilidade, debe seguir garantindo unha participación efectiva e significativa de grupos que non estiveron suficientemente representados en Santa Marta e desmantelar activamente os desequilibrios de poder aos que afirma facer fronte.”

E agora que?

A Primeira Conferencia Mundial sobre a Transición máis aló dos Combustibles Fósiles non deu lugar a un resultado político negociado. Os convocantes sinalaron que nos próximos meses, probablemente antes da COP31, publicarase un informe de síntese, e que o proceso continuará cunha segunda conferencia, que os Estados insulares de Irlanda e Tuvalu anunciaron oficialmente que organizarían de forma conxunta en Tuvalu en 2027, o que sinala a importancia continuada da colaboración norte-sur.

Mentres os gobernos se preparan para estes próximos pasos, Amnistía Internacional ínstalles a ir máis aló do diálogo e achandar o camiño para a adopción dun Tratado sobre os Combustibles Fósiles.

A Corte Internacional de Xustiza deixou claro que os Estados deben eliminar gradualmente os combustibles fósiles para manter vivo o compromiso de 1,5 °C”, declarou Candy Ofime. “Non basta con aprender. Os gobernos teñen o deber legal de actuar xa, e deben optar pola valentía fronte á demora, a xustiza ou os beneficios, e as persoas ou os combustibles fósiles.”