Amnistía Internacional pide a liberación inmediata e incondicional dos dous activistas da Flotilla detidos en Israel
Amnistía Internacional pide ao goberno de Israel a liberación inmediata e incondicional de Saif Abukeshek, activista de orixe palestina e nacionalidade sueco-española, e Thiago Ávila, activista brasileiro, detidos por Israel tras participar na Flotilla Global Sumud
- Vista xudicial prevista para o domingo 10 de maio ás 8 am (hora española)
- Ambos están en folga de fame e denunciaron torturas e malos tratos
08 de maio de 2026
Amnistía Internacional pide ao goberno de Israel a liberación inmediata e incondicional de Saif Abukeshek, activista de orixe palestina e nacionalidade sueco-española, e Thiago Ávila, activista brasileiro, detidos por Israel tras participar na Flotilla Global Sumud.
“Israel presentou unha lista de acusacións sen fundamento, pero non cargos formais. A detención destes activistas pon de relevo as perigosas consecuencias de décadas de impunidade polas constantes atrocidades cometidas por Israel. Deben ser liberados de inmediato e sen condicións”, sinalou Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional en Galicia.
Ambos comparecerán o vindeiro domingo 10 de maio ás 8 am (hora española) ante o Tribunal de Distrito de Beer Sheva, despois de que un tribunal de Ashkelon prorrogase seis días a súa detención sen cargos nin xuízo.
Segundo o Centro Legal para os Dereitos das Minorías Árabes en Israel (Adalah), organización que exerce a súa defensa legal, os dous activistas denunciaron ameazas, torturas e outros malos tratos durante a súa detención.
Entre as denuncias figuran intimidación, abuso psicolóxico, golpes, illamento en celas coa luz acendida as 24 horas, ameazas de morte durante interrogatorios prolongados e traslados e exames médicos cos ollos vendados.
Saif Abukeshek e Thiago Ávila manteñen actualmente unha folga de fame. No caso de Saif Abukeshek, ademais, deixou de inxerir líquidos.
A organización lembra ademais o historial de abusos documentados contra persoas palestinas detidas por Israel e expresa a súa especial preocupación pola situación de Saif Abukeshek, nacido no campo de refuxiados de Askar, en Nablus, na Cisxordania ocupada.
Saif chegou a España hai uns 20 anos e actualmente reside en Barcelona xunto á súa parella e os seus tres fillos. Desde hai anos participa en iniciativas de defensa dos dereitos da poboación palestina.
Peticións ao Goberno en relación ao activista español
Amnistía Internacional insta ao Goberno español a continuar esixindo a liberación de Saif Abukeshek e a manter a asistencia consular de xeito constante.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, acusou publicamente a Israel de “violar a legalidade internacional ao asaltar unha flotilla civil en augas que non lle pertencen” e reiterou a súa petición á Unión Europea de suspensión do acordo de asociación con Israel.
Pola súa banda, o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, convocou en dúas ocasións á encargada de negocios da Embaixada de Israel en Madrid para trasladar a “máis enérxica condena” do Goberno español pola detención ilegal do activista e esixir a súa liberación.
Segundo o Ministerio de Asuntos Exteriores, Saif Abukeshek está a recibir asistencia continuada e visitas diarias do consulado.
Información complementaria
O pasado 30 de abril, o exército israelí interceptou polo menos 22 embarcacións da Flotilla Global Sumud e detivo a unhas 180 persoas tripulantes. As embarcacións foron abordadas en augas internacionais preto de Grecia.
Segundo a información dispoñible, Israel bloqueou as canles de comunicación da flotilla, impedindo que as embarcacións puidesen coordinarse entre si ou solicitar axuda. As persoas detidas permaneceron aproximadamente 40 horas baixo custodia israelí en alta mar antes de ser trasladadas.
Á súa chegada a Grecia, varias persoas denunciaron ser golpeadas por soldados israelís durante a operación. Posteriormente, tanto Saif Abukeshek como Thiago Ávila foron trasladados ao centro de detención de Shikma, na cidade israelí de Ashkelon.
Amnistía Internacional considera que a interceptación da Flotilla Global Sumud en augas internacionais e a posterior detención arbitraria de decenas de activistas constitúen unha violación do dereito internacional e reflicten as consecuencias da impunidade fronte ás violacións de dereitos humanos cometidas por Israel contra a poboación palestina.
Amnistía Internacional pide á comunidade internacional medidas concretas para poñer fin ás violacións de dereitos humanos cometidas por Israel contra a poboación palestina e reclama o levantamento inmediato do bloqueo sobre Gaza para permitir a entrada e distribución de axuda humanitaria. Os terceiros Estados deben deixar de outorgar a Israel impunidade polos seus atroces crimes e acelerar a adopción de medidas para poñer fin á ocupación ilegal israelí do Territorio Palestino Ocupado, tal como sinalou a Corte Internacional de Xustiza en 2024. Pola súa banda, a Unión Europea, que o 11 de maio celebra unha reunión do Consello de Ministros de Asuntos Exteriores, debería tomar medidas concretas para poñer fin ás violacións de dereitos cometidas por Israel, como por exemplo, a suspensión do Acordo de Asociación da Unión Europea con Israel.
