Galicia
Galicia

A Alianza pola Vivenda reclama á Xunta vivenda pública accesible e denuncia a falta de alternativa habitacional para colectivos vulnerables

Amnistía Internacional reclamou aumentar ata as 16.000 vivendas, en vez das 10.000 previstas en 2030 no II Pacto de Vivenda de Galicia 2026 – 2030 aprobado en xaneiro pola Xunta e esixiu un plan plurianual con perspectiva de xénero para que o 15% das 1,7 millóns de vivendas galegas sexa público, de alugueiro asumible e social coa vivenda xa construída

Vigo.- Membros da Alianza pola Vivenda, integrada por 15 asociacións e sindicatos de Vigo, concentráronse diante da sede da Xunta de Galicia na cidade para denunciar a falta de alternativa habitacional para colectivos vulnerables e reivindicar un parque de vivenda público estable e asumible que dea resposta aos máis de 10.000 demandantes de vivenda pública na cidade. 

Cuns prezos do alugueiro en máximos históricos que de media superan os 700 euros segundo datos oficiais e con previsións de que sigan subindo entre un 10 e un 12% no 2026, “as medidas adoptadas polas administracións resultan insuficientes, xa que non confrontan a base do conflito: a especulación”, declarou Juan Medela, do Sindicato de Inquilinas de Vigo, que reclamou ao Concello que lle pida á Xunta que “declare Vigo como zona tensionada para aplicar o control do prezo do alugueiro previsto na Lei de Vivenda”. Na Coruña e outros lugares onde se aplica, esta medida freou a suba dos prezos. 

Ademais dos altos prezos e das condicións abusivas para acceder ao alugueiro (seguros de impago, avais, nóminas elevadas, etc.), critican que a previsión das administracións na construción de vivenda pública “non cubrirá nin a cuarta parte dos actuais demandantes”, destacou Isabel Flores, voceira de Amnistía Internacional, que reclamou “aumentar ata as 16.000 vivendas, en vez das 10.000 previstas” en 2030 no II Pacto de Vivenda de Galicia 2026 – 2030 aprobado en xaneiro pola Xunta e esixiu un “plan plurianual con perspectiva de xénero para que o 15% das 1,7 millóns de vivendas galegas sexa público, de alugueiro asumible e social coa vivenda xa construída apostando pola compra e a rehabilitación do máis de medio millón de vivendas baleiras en Galicia”.

En canto á nova ordenanza municipal para regular as vivendas de uso turístico (VUT) aprobada esta semana polo pleno “non vai solucionar a crecente conversión de vivendas en aloxamentos turísticos”, declarou Xaquín Pastoriza, de Ecoloxistas en Acción, que reclamou a necesidade “dunha moratoria indefinida de licenzas de VUT en todo o concello e o peche das VUT ilegais”.

Outro dos motivos da protesta é carencia de prazas en residencias públicas e “as longas esperas que limitan o acceso á educación de miles de estudantes de clase traballadora”, sinalou Sara Castro, do Sindicato Estudantil Fervenza.

Ademáis, a Alianza pola Vivenda pon a atención tamén na situación de desamparo que actualmente viven as persoas sen fogar “con só 38 prazas no albergue municipal e condicións que non permiten a estas persoas saír da situación de precariedade na que viven”, declarou Carla Leiras, do Foro Socioeducativo As Ninguéns, que reclamou “un Plan fronte para non deixar a ninguén vulnerable na rúa fronte ao tsunami de 70.000 desafiuzamentos que se reactivaron en toda España ao caer o escudo social que establecía unha moratoria de desafiuzamentos de persoas en situación de vulnerabilidade”.

María Curra, da Plataforma Galega Vivenda Xa, denunciou que a Xunta non só non fai todo o que debería para resolver esta problemática, senón que mesmo desestima as medidas que se propoñen e que serían útiles para freala. “Hai un ano a Xunta respondía as demandas da Plataforma cunha resposta punto por punto, rexeitando todas elas e resaltando os datos das novas construcións, datos, que a día de hoxe, non son reais”.
Este acto continúa a senda de mobilizacións programadas pola Alianza pola Vivenda – Vigo, trala manifestación organizada o pasado 21 de marzo, onde reclamaban medidas ao Concello e á Xunta que “realmente procuren avanzar no dereito constitucional a unha vivenda digna, estable e asumible”. O vindeiro acto programado da Alianza é a manifestación baixo o lema “A vivenda cústanos a vida” que terá lugar o 5 de xuño ás 20h, saíndo da Praza dos Cabalos. Na Coruña será o sábado 6 de xuño, desde a Praza Ourense ás 12.00 am, mesma hora que en Santiago, desde a Alameda. En Ourense será o sábado ás 20.00 desde a R/ Sáenz Díez.