Crise climática: os gobernos presentes en Bonn deben cumprir os seus compromisos climáticos para protexer os dereitos humanos
Unha acción climática que ignora os dereitos humanos non só é inxusta, senón tamén menos eficaz.
Os Estados que asisten ás reunións sobre o clima de xuño, que se celebrarán esta semana en Bonn (Alemaña), deberán aproveitar os seus debates para transformar os compromisos climáticos nun programa de accións concretas, viables e centradas nos dereitos, de cara á trixésimo primeira reunión da Conferencia das Partes (COP31) de novembro, segundo declarou hoxe Amnistía Internacional.
O que aconteza en Bonn importa, xa que configurará as negociacións, as prioridades e o nivel de ambición que os gobernos levarán á COP31 de Antalya (Turquía) a finais deste ano. Estas reunións ofrecerán aos gobernos unha importante oportunidade para demostrar que están dispostos a que os compromisos climáticos asumidos na resolución recentemente adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas (AXNU) en relación coa opinión consultiva da Corte Internacional de Xustiza do ano pasado sobre o cambio climático se traduzan en accións ancoradas nos dereitos humanos, a equidade e a xustiza.
“Os gobernos deben adoptar agora medidas urxentes para cumprir as súas obrigas legais de protexer a humanidade e contribuír a que os grupos afectados se recuperen dos danos causados polo cambio climático. Unha acción climática que ignora os dereitos humanos non só é inxusta, senón tamén menos eficaz”, afirmou Ann Harrison, asesora de políticas sobre cambio climático de Amnistía Internacional.
“Se os gobernos queren resultados tanxibles en Antalya, deben demostrar en Bonn que se toman en serio o paso das palabras aos feitos”, engadiu.
Nas súas recomendacións, publicadas na véspera da reunión, Amnistía insta os gobernos a comprometerse cunha eliminación completa, rápida, xusta e financiada dos combustibles fósiles mediante unha transición xusta; a incrementar o financiamento climático baseado en subvencións; a garantir a reparación íntegra polas perdas e danos relacionados co cambio climático; así como a protexer o espazo da sociedade civil e reforzar a participación dos pobos indíxenas, das persoas defensoras dos dereitos ambientais e das comunidades afectadas na toma de decisións sobre o clima.
Cómpre actuar con urxencia
Amnistía Internacional pide a todas as partes nos tratados sobre o clima que aproveiten os logros da recente conferencia de Santa Marta para avanzar cara a unha transición equitativa de abandono dos combustibles fósiles que non deixe a ninguén atrás, en particular poñendo fin ás subvencións aos combustibles fósiles e protexendo ás persoas con menores ingresos.
É importante que o Mecanismo de Transición Xusta acordado na COP30 sexa eficaz e que a súa implementación conte con financiamento suficiente, de xeito que se prioricen os dereitos humanos, a participación significativa da sociedade civil e dos grupos afectados, e o consentimento libre, previo e informado das poboacións indíxenas.
A organización tamén reclama avances significativos en materia de financiamento da acción climática. Segundo datos da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC), as necesidades dos países de baixos ingresos en materia de mitigación e adaptación calcúlanse entre cinco e seis billóns de dólares estadounidenses para 2030, aínda que a meta de financiamento de 300.000 millóns de dólares anuais para 2035 acordada na COP29 está moi por baixo das necesidades reais. O déficit de financiamento das medidas de adaptación é particularmente elevado.
“O feito de que algúns países insistisen en eliminar as referencias ao financiamento climático na recente resolución da Asemblea Xeral da ONU non significa que desaparecesen as obrigas de garantilo. Sabemos que o diñeiro existe e que a súa asignación é unha cuestión de índole política. É fundamental que quen máis contamina asuma os custos dos danos que está a causar”, afirmou Ann Harrison.
“Un incremento do financiamento climático, principalmente en forma de subvencións, é un factor decisivo para garantir a protección dos dereitos de todas as persoas en todo o mundo, tanto agora como no futuro. Isto permitirá unha vida digna nun planeta capaz de soster tanto as persoas como os ecosistemas esenciais dos que formamos parte e dos que dependemos”.
Amnistía Internacional tamén insta os gobernos a adoptar unha perspectiva baseada na xustiza reparadora e a reforzar o apoio ao Fondo de Resposta ás Perdas e os Danos, en particular garantindo que funcione de maneira plenamente compatible cos dereitos humanos e estea apoiado por unha estratexia ambiciosa de mobilización de recursos.
Acceso e inclusión
En Bonn, a gran pregunta é se as conversacións serán abertas e accesibles para quen máis sofre as consecuencias do cambio climático. Nas súas recomendacións, Amnistía insiste en que as comunidades na primeira liña, os pobos indíxenas, as persoas defensoras dos dereitos ambientais e os grupos marxinados deben poder participar de maneira significativa nas negociacións sobre o clima. A organización tamén expresou a súa preocupación pola obtención de visados para algunhas persoas participantes nas reunións de Bonn e pediu a todos os países anfitrións que faciliten un procedemento específico de visados para a CMNUCC.
Amnistía Internacional insta tamén Alemaña, así como Turquía e Australia (países que acollen conxuntamente a COP31), a garantir que todas as persoas participantes poidan expresarse libremente e manifestarse pacificamente sen restricións inxustificadas nin temor a represalias.
“Bonn debe contribuír a desprazar o centro do debate climático cara á xustiza. Os gobernos deben chegar dispostos a avanzar cara a unha transición xusta que deixe atrás os combustibles fósiles, e isto require financiamento climático suficiente, reparación polas perdas e danos e protección do espazo da sociedade civil. Calquera concesión respecto destes obxectivos suporá unha nova derrota para as persoas que xa están a pagar o prezo da inacción climática”, concluíu Ann Harrison.
Información complementaria As reunións sobre o clima de xuño terán lugar en Bonn do 8 ao 18 de xuño de 2026. Trátase de encontros preparatorios cruciais previos á COP31, que se celebrará en Antalya (Turquía) do 9 ao 20 de novembro de 2026. Antes da conferencia, Amnistía Internacional publicou o documento «Recomendacións ás partes na CMNUCC sobre unha acción climática compatible cos dereitos humanos en 2026«. Durante estes encontros de Bonn, haberá representantes de Amnistía dispoñibles para realizar entrevistas e ofrecer declaracións especializadas.
