Cinco vítimas galegas protagonizan unha campaña de Amnistía Internacional sobre a impunidade das torturas franquistas
«Na Comisaría de Policía da rúa Luis Taboada en Vigo foron torturados varios dos protagonistas da campaña. Tanto esa Comisaría coma o antigo cárcere (actual museo do MARCO) están pendentes de sinalización como lugares de memoria. Cómpre modificar a Lei de Amnistía de 1977 para que exclúa da amnistía os crimes de dereito internacional e se poidan investigar estes delitos e sancionar ás persoas responsables». Isabel Flores, voceira de Amnistía Internacional.
- A iniciativa, difundida en redes sociais, busca romper o silencio sobre os abusos cometidos durante o Franquismo e a Transición.
- No Día Internacional de Solidariedade coas Vítimas da Tortura, a campaña céntrase en cinco casos de torturas nos anos 70 en Vigo, Padrón e Lugo.
Vigo.– Amnistía Internacional (AI) presentou hoxe unha campaña de sensibilización en redes sociais centrada na esixencia de xustiza, verdade e reparación para as persoas que sufriron torturas durante a ditadura Franquista e a Transición.
A iniciativa conta co testemuño de cinco vítimas galegas –Miguel Ángel Gómez (“Gus”), Xosé María Brañas, Manuel Reboiras Noia, Suso Vázquez González, Paco Domingo García Montes- e da avogada Irene Álvarez Francés, da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina contra os Crimes do Franquismo (CEAQUA). Os testemuños son unha mensaxe contundente contra a impunidade das torturas cometida na ditadura franquista e na Transición.
Isabel Flores, coordinadora de Amnistía Internacional Vigo, declarou que “As torturas cometidas neses anos, constitúen un crime de lesa humanidade polo seu carácter xeneralizado e sistemático contra a poboación civil”. A voceira de AI sinalou que “Segundo o dereito internacional, os delitos de lesa humanidade cometidos por axentes da policía e a garda civil daquela deben ser investigados e non prescriben. Por iso cómpre modificar a Lei de Amnistía de 1977 para que exclúa da amnistía os crimes de dereito internacional e se poidan investigar estes delitos e sancionar ás persoas responsables”.
A campaña consiste en seis vídeos curtos nas redes sociais de X e Instagram de AI Vigo. “Os protagonistas da campaña lembran que hai só unhas décadas a tortura foi a ferramenta para dobregar a disidencia política e sindical”, sinalou a voceira de Amnistía Internacional, que agradeceu a colaboración das vítimas e da avogada de CEAQUA e o seu incansable labor a prol da xustiza e destacou que “tamén lembran que está pendente a sinalización como lugares de memoria, en aplicación da lei de memoria de 2022, da Comisaría de Policía da rúa Luis Taboada en Vigo e do actual MARCO, antigo cárcere de Vigo, onde se cometeron graves violacións de dereitos humanos”.
Esta acción faise no Día Internacional de Solidariedade coas Vítimas da Tortura, que a ONU conmemora cada 26 de xuño. A elección desta data non é casual, senón un chamamento á responsabilidade do Estado español ante as reiteradas recomendacións de organismos internacionais, como a ONU, que dende 2008 instou en ata 11 informes a que a Lei de Amnistía de 1977 non impida a investigación destes crimes. En maio de 2026 varios relatores da ONU lembraron que España segue incumprindo as súas obrigas internacionais en materia de dereitos humanos porque os tribunais españois non investigan os crimes do franquismo.
En 2025 o Tribunal de Instancia nº 2 de Padrón acordou admitir a trámite a querela presentada por Manuel Reboiras polas torturas sufridas en 1975. Este paso é un precedente importante na loita contra o modelo de impunidade que, durante cinco décadas, impediu o acceso á tutela xudicial efectiva de centenares de vítimas.
«Non pode haber xustiza mentres continúe a impunidade», sinalan os protagonistas da campaña
O obxectivo último é a modificación da Lei de Amnistía de 1977 de xeito que non se impida a investigación e sanción dos crimes de dereito internacional como os crimes de lesa humanidade e garantir que a verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición sexan unha realidade para quen aínda agarda unha resposta do sistema xudicial.
A campaña estará dispoñible desde hoxe nas redes sociais de Amnistía Internacional Vigo
https://x.com/Amnistia_Vigo/status/2069053971344277516?s=20 https://www.instagram.com/amnistiavigo/
