O venres en Vigo e o sábado en Santiago, A Coruña e Ourense houbo manifestacións para reclamar medidas urxentes e contundentes para protexer o dereito á vivenda, igual que noutras cidades de España nas últimas semanas. Amnistía Internacional, que leva anos alertando dunha emerxencia de vivenda que xa é unha crise de dereitos humanos, participou […]
O venres en Vigo e o sábado en Santiago, A Coruña e Ourense houbo manifestacións para reclamar medidas urxentes e contundentes para protexer o dereito á vivenda, igual que noutras cidades de España nas últimas semanas.
Amnistía Internacional, que leva anos alertando dunha emerxencia de vivenda que xa é unha crise de dereitos humanos, participou nestas mobilizacións. En Vigo, é unha das promotoras da Alianza Pola Vivenda* formada por case 20 asociacións e sindicatos da cidade olívica que leva meses traballando neste tema de forma conxunta e reclamando control do prezo do alugueiro e máis vivenda pública.
Hoxe, atopar casa é misión case imposible. En Vigo, por exemplo, os alugueiros están polas nubes e superan os 700 euros. Na última década subiron un 70%. En España, a cousa foi aínda peor e duplicáronse. Mentres, os salarios medraron só un 10%.
Con todo, hai formas de regular os prezos. Unha é aplicar o mecanismo de control que permite a lei de vivenda aprobada en 2023. E logo que pasa? Pois que o Concello de Vigo non lle pide a autorización á Xunta para aplicar o control de prezos do alugueiro, cousa que si fixo A Coruña (onde a medida contivo as subas e mesmo supuxo unha lixeira rebaixa) e tamén o pediu Santiago.
Entre a especulación rendista con prezos disparados e a proliferación de vivendas de uso turístico, non damos atopado casa! En Galicia hai máis de medio millón de vivendas baleiras. Delas, unhas 21.000 están en Vigo.
E logo que pasa? Si, a Xunta e o Concello teñen axudas para rehabilitar vivendas e poñelas en alugueiro, pero fan falta máis recursos, cartos e persoal para xestionalos.
En España, só o 1,7% do parque é de vivenda social. Iso está moi lonxe da media europea do 9% e do ideal teórico do 15%. A Xunta está construíndo vivendas con algún tipo de protección social para acadar 8.000 en 2028 e recentemente comprometeuse a chegar ás 10.000 en 2030. Malia que é un paso na boa dirección, cómpren máis recursos para acadar 16.000 vivendas socias en Galicia, o que nos achegaría á media europea.
Así, só en Vigo hai case 10.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda. E a Xunta está a construír preto de 2.000, que espera rematar en 2028, na cidade olívica. Pero iso supón que a maioría da xente que está no rexistro quedará fóra do sorteo que se faga desas vivendas. Como se o dereito á vivenda fose unha lotaría!
A nosa recomendación é apostar por crear un parque de vivenda social accesible, no a que xente pague, como moito, un terzo dos seus ingresos, coa vivenda xa construída e por máis rehabilitación e programas de intermediación do alugueiro. Ademais, tras a caída do escudo social que suspendía os despexos de persoas vulnerables, nos vindeiros meses haberá unha chea de desafiuzamentos. Cómpre que a Xunta achegue recursos (vivendas e cartos) para garantir que ningunha persoa vulnerable queda na rúa, como lle obrigan as normas internacionais de dereitos humanos.
A continuación reproducimos o manifesto lido na manifestación de Vigo do venres 5 de xuño
Vigo é a cidade co alugueiro máis caro da Galiza, cunha media moi por riba dos 700 € ao mes. O prezo do alugueiro subiu máis da tripla do salario medio só no último ano. Somos cada vez máis pobres mentres que unha minoría enriquécese a nosa costa.
O acceso á vivenda deixou de ser un problema de colectivos vulnerados a ser un conflito estrutural no noso país que afecta cada vez máis sectores de poboación, especialmente ás familias traballadoras, á mocidade, ás persoas maiores, ás mulleres con crianzas, a persoas migrantes e racializadas, a familias en situación de vulnerabilidade, entre outros moitos.
Pero por que pasa isto? A especulación converteu a vivenda nun auténtico inferno. A codicia dun rendismo insaciable e a manga ancha que se lle da á especulación converteu un dereito fundamental como é a vivenda, nun produto ultraespeculativo co que sacar beneficios á costa dos milleiros de persoas que vivimos de alugueiro. Da igual que sexas unha boa inquilina e cumpras coa túa obriga, cando remate o contrato quererante botar para subir abusivamente a renda. E isto é porque a lei permite enriquecerse cun dereito básico.
A resposta dos diferentes gobernos ante esta situación é apostar por construír, por facer plans de vivenda excluíntes para persoas que gañen menos de 1.200 € ao mes, e por financiar proxectos privados para que se lucren alugando as súas vivenda baleiras. Iso de loitar contra a especulación parece que non vai con eles, mentres a nós a vivenda cústanos a vida.
Fan falla medidas á altura do conflito de Estado que nos atopamos. E por iso saímos hoxe á rúa, para reclamar solucións inmediatas e contundentes en seis eixos fundamentais que garantan o dereito a teito en Vigo para toda aquela persoa que o precise.
- Contratos indefinidos, control de prezos e subida do salario e pensións mínimas. Cada 5 anos vémonos ante a mesma incertidume: vannos renovar o contrato ou teremos que soportar unha subida de 200 ou 300€ máis ao mes? Procuramos vivenda e non atopamos, e a que hai está a prezos inasumibles. Por iso, é fundamental volver aos contratos de alugueiro indefinidos, solicitar e declarar Vigo como zona tensionada para poder regular e reducir os prezos, e subir os salarios e pensións mínimas ata un mínimo de 1.500 €.
- Rematar coa estafa dos contratos de tempada e por habitacións. Novamente vemos a avaricia do rendismo especulativo que utiliza fraudulentamente a falta de protección xurídica dos contratos de tempada para reducir os mínimos dereitos que protexen ás inquilinas. É fundamental introducir os contratos de tempada na Lei de Arrendamentos Urbanos, dotándolle de maior protección xurídica e reducindo á mínima expresión o seu uso.
- Parque público de vivenda xa. Con preto de 10.000 persoas demandantes inscritas, o parque público é escandalosamente insuficiente. A resposta institucional céntrase case exclusivamente na construción de nova vivenda: un modelo lento, depredador de territorio e incapaz de dar resposta urxente a emerxencia actual. Tendo en conta as máis de 21.000 vivendas baleiras na cidade, cómpre ampliar o parque público de maneira urxente, cun maior gravamen e expropiando a vivenda baleira de grandes tenedores. Nunha cidade onde en 2025 a media de desafiuzamentos foi de case 6 semanais, tamén cómpre un escudo social que garanta que ningún desafiuzamento remate cunha familia en situación de vulnerabilidade na rúa, reforzando os servizos de emerxencia habitacional e impedindo desaloxos sen alternativa residencial.
- Freo á especulación turística. A regulación das Vivendas de Uso Turístico (VUT) que fixo o concello non reduce os seus impactos no mercado de vivenda habitual, senón que impulsa a súa explotación profesional e aumenta quen opera de maneira ilegal, agravando a escaseza de alugueiro, encarecendo os prezos e expulsando á veciñanza. Non podemos permitir que Vigo se converta nun parque temático para turistas mentres as veciñas non atopamos onde vivir. Reclamamos parar a concesión de novas licencias, limitar as VUT por barrio e reforzar a inspección e o peche das ilegais. O modelo especulativo depredador non ten cabida na nosa cidade.
- Atención ás persoas sen fogar. O albergue municipal, con só 38 prazas e estancias limitadas a 15 días, é completamente insuficiente e perpetúa a exclusión destas persoas en situación extrema. É urxente elaborar un censo municipal, ampliar as prazas de forma estable, eliminar límites temporais e garantir o acompañamento social, psicolóxico e sanitario. Destacamos especialmente o senfogarismo feminino encuberto, invisibilizado nos censos, que afecta a mulleres en situación de maltrato e prostitución. Un goberno que se di feminista non pode seguir ignorándoas.
- Residencias públicas para a mocidade. Finalmente, denunciamos a falta de residencias públicas accesibles para o estudantado. Vigo conta con só 234 prazas públicas e ningunha universitaria, mentres proliferan residencias privadas con prezos inasumibles. Isto limita o acceso da mocidade da clase traballadora á educación superior. Por iso reclamamos a creación de residencias públicas integradas nos barrios e o incremento de axudas autonómicas para alugueiro ao estudantado que eviten que a vivenda sexa unha barreira ao dereito á educación.
A crise habitacional de Vigo non é un fenómeno inevitable: é o resultado de decisións políticas que priorizan a especulación e os intereses privados sobre o dereito a vivir dignamente. Existen ferramentas legais, recursos e vivendas suficientes para garantir un teito para todas. O que falta é vontade política e valentía. Por iso seguiremos organizadas e combativas, decididas a construír unha cidade habitable que poña a vida no centro e rompa coa lóxica especulativa e rendista que nos está expulsando. E non imos parar ata conseguilo.
FRONTE Á SÚA CODICIA, A NOSA UNIÓN E LOITA QUÉRENNOS FÓRA PERO TERANNOS DIANTE E XUNTAS POR UNHA VIVENDA DIGNA, ESTABLE E ASUMIBLE
Alianza pola Vivenda Vigo está formada polas seguintes organizacións: Foro Socioeducativo As Ninguéns, Sindicato de Inquilinas Vigo, Amnistía Internacional, Sindicato Estudantil Fervenza, Asociación veciñal de Teis, Verdegaia, Plataforma Galega Vivenda Xa!, Confederación Intersindical Galega, Ecoloxistas en Acción, Oficina de Valores Non Inventariables, Espazo Aberto Antimilitar, Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos, Árbore, EMAUS, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde.
A manifestación en Vigo foi apoiada polos seguintes colectivos: Salvemos A Barroca, Asociación Sociocultural As da Industria, Confederación General del Trabajo, Comisiones Obreras e Erguer.
