Galicia
Galicia

A liberación de Saif Abuskeshek e Thiago Ávila é unha noticia alentadora para os dereitos humanos e unha excepción na política de detencións arbitrarias de Israel

A liberación de Saif Abukeshek e Thiago Ávila é unha noticia alentadora.
É esencial a investigación das súas denuncias de torturas e que os responsables non queden impunes.

Miles de presos palestinos permanecen anos detidos sen cargos nin xuízo en prisións israelís. O luns cúmprense 500 días da detención do Doutor Hussam Abu Safiya

10 de maio de 2026

Segundo o Centro Legal para os Dereitos das Minorías Árabes en Israel (Adalah), Saif Abukeshek e Thiago Ávila, integrantes da Flotilla Global Sumud, foron postos en liberdade. Amnistía Internacional dá a benvida a esta noticia e espera que ambos poidan reunirse coas súas familias e seres queridos canto antes, así como que a Flotilla poida continuar coa súa misión humanitaria pacífica a salvo de intimidacións e ataques.

“A liberación de Saif Abukeshek e Thiago Ávila é unha noticia alentadora para os dereitos humanos que repara, en certo xeito, a inxustiza da súa detención por parte das autoridades de Israel”, sinalou Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional en Galicia.

É esencial a investigación das súas denuncias de torturas e que os responsables non queden impunes. A súa detención e as denuncias de malos tratos e as súas condicións de detención lembran a política que aplica o goberno de Israel ás miles de persoas palestinas detidas arbitrariamente, xa sexa baixo detención administrativa ou en virtude da Lei de Combatentes Ilegais.

É o caso do doutor Hussam Abu Safiya, director do hospital Kamal Adwan e unha voz salientable do devastado sector sanitario de Gaza. Foi detido o 27 de decembro de 2024 a con outros membros do persoal médico e pacientes do hospital. O 28 de abril, un tribunal israelí prorrogou a súa detención en virtude da Lei de Combatentes Ilegais sen presentar cargos contra el. O Dr. Abu Safiya segue recluído na prisión de Negev en condicións moi duras e négaselle o acceso á súa medicación esencial e a un tratamento médico adecuado, a pesar da deterioración da súa saúde.

O luns cumprirá 500 días en prisión. “Como Saif e Thiago, Hussam Abu Safiya denunciou ser obxecto de torturas. O seu encarceramento sen cargos nin xuízo e os graves malos tratos que sofre reflicten o ataque sistemático de Israel contra o sector sanitario de Gaza; tanto el como o resto de persoas palestinas detidas sen cargos nin xuízo deben ser postas en liberdade de xeito inmediato”, sinalou a voceira de Amnistía Internacional.