España: Protestar contra o xenocidio en Gaza pode supoñer elevadas multas baixo a Lei do deporte e a Lei Mordaza, detencións e procesos penais, así como sufrir os efectos do gas pementa
En Galicia, dez activistas foron arrestados. En Pontevedra impuxéronse cinco multas de 3.000 euros, e unha de 60.000 euros.
Amnistía Internacional documentou polo menos 95 casos violacións ao dereito á protesta no contexto de manifestacións propalestinas celebradas desde outubro de 2023.
A organización pide á Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte que accións como a interrupción temporal dunha proba deportiva ou a exhibición de símbolos políticos nun estadio, ao formar parte do dereito á protesta cando son pacíficas, non deben recibir sancións de acordo á Lei do Deporte.
Amnistía solicita á Delegación do Goberno e Subdelegacións do Goberno en Galicia que eviten impoñer sancións con base na Lei contra a intolerancia e racismo no deporte por accións de protesta non violenta, e que incorporen na tramitación de expedientes sancionadores criterios baseados nas normas internacionais.
En Galicia, dez activistas foron arrestados. En Pontevedra impuxéronse cinco multas de 3.000 euros, e unha de 60.000 euros.
Durante a recente celebración da Copa Mundial de Escalada en Alcobendas (Madrid), con participación de Israel, producíronse protestas contra o xenocidio en Gaza, e a resposta policial foi ameazar e identificar a activistas pacíficos.
02 de xuño de 2026
En España, mostrar unha bandeira palestina nun partido de baloncesto, sentarse nunha estrada durante unha etapa da Vuelta Ciclista ou participar nunha protesta no contexto dunha proba deportiva pode acabar nunha multa de miles de euros. Nalgúns casos, mesmo de decenas de miles. O mero feito de protestar tamén pode derivar nunha detención, nun proceso penal ou nunha carga policial con porras e gas pementa.
O exemplo máis recente foi a actuación policial durante a celebración en Alcobendas (Madrid) da Copa do Mundo de Escalada, do 28 ao 31 de maio, no contexto das protestas contra a participación do equipo de Israel. Un equipo de observación despregado por Amnistía Internacional constatou como axentes da Policía Nacional identificaron e ameazaron con sancións baixo a Lei contra a Intolerancia e Racismo no deporte, a activistas que proferían consignas en solidariedade con Palestina. Así mesmo, impediron o uso de paraugas de protección fronte ao sol por mostrar as cores da bandeira palestina. Algúns asistentes ao evento increparon e mesmo chegaron a agredir a activistas propalestinos. A resposta policial foi identificar ás propias persoas agredidas. A falta de protección policial fronte a agresións contra activistas e manifestantes propalestinos é unha cuestión sobre a que Amnistía Internacional xa recibira anteriormente varias denuncias.
Tamén recentemente, o pasado sábado 23 de maio, activistas da Flotilla Global Summud que foran interceptados en augas internacionais por Israel e que denunciaron abusos durante a súa detención en Israel, cando chegaron ao aeroporto de Bilbao sufriron violencia policial de forma inxustificada. Axentes da Ertzaintza empregaron un uso excesivo da forza mediante golpes reiterados con porras a persoas que xa foran derrubadas e estaban no chan.
A organización advirte de que non se trata de feitos illados, senón do reflexo dun problema estrutural que se arrastra desde hai máis dunha década. As restricións á liberdade de expresión, de manifestación e de reunión pacífica seguen vixentes en España a través dunha tripla lexislación restritiva: a Lei de Seguridade Cidadá —a coñecida como “lei mordaza”—, algúns artigos do Código penal, e nos últimos anos agraváronse cun fenómeno novo: a aplicación da lei contra a violencia no deporte para sancionar protestas pacíficas, especialmente no contexto das mobilizacións en solidariedade coa poboación palestina.
Sancións por protestar en eventos deportivos
Desde outubro de 2023, portar unha bandeira palestina foi suficiente para ser expulsado de estadios ou recintos deportivos e mesmo sancionado. O que comezou como decisións puntuais converteuse nunha práctica máis ampla, na que unha norma deseñada para previr a violencia, o racismo ou a xenofobia no deporte utilízase para limitar expresións políticas pacíficas.
O caso máis significativo produciuse durante a Vuelta Ciclista a España de 2025. Ao longo de distintas etapas, activistas e cidadáns mobilizáronse para protestar contra a participación do equipo Israel–Premier Tech e para denunciar o xenocidio en Gaza. Algunhas persoas despregaron pancartas, outras se sentaron na estrada e algunhas intentaron deter momentaneamente o paso da carreira.
A resposta das autoridades foi contundente. Polo menos 30 persoas foron detidas e 108 enfrontan expedientes sancionadores, dos cales 91 baséanse na lei contra a violencia no deporte. As sancións xa impostas ilustran o alcance punitivo desta resposta: 27 multas de 300 euros en Ponferrada; 5 multas de 3.000 euros, e unha de 60.000 euros en Pontevedra.
A aplicación desta lei non se limitou ao ciclismo. En Valencia, cinco activistas foron sancionados por protestas vinculadas a partidos de baloncesto contra equipos israelís, con multas que oscilan entre os 1.500€ e os 5.000€ pola aplicación da Lei contra a Intolerancia no deporte, nun contexto no que unha concentración pacífica terminou con cargas policiais, uso de gas e detencións. Unha destas activistas tamén foi sancionada con 600€ pola Lei Mordaza, pola infracción de desobediencia.
Moitas destas sancións responden a condutas como invadir a calzada ou interromper o desenvolvemento da proba. Con todo, segundo o dereito internacional dos dereitos humanos, este tipo de accións non constitúen violencia por si mesmas e poden formar parte do exercicio lexítimo do dereito á protesta.
Detencións e procesos penais por accións de protesta
As consecuencias non se limitaron ao ámbito administrativo. En distintas etapas da Vuelta, varias persoas foron detidas e posteriormente investigadas por delitos como desordes públicas ou atentado contra a autoridade.
En Valladolid, catro activistas enfrontan un procedemento penal por invadir o percorrido da proba ciclista. A Fiscalía atribúe a estes catro activistas o delito de desordes públicas, para os que pide pena de prisión de 1 ano e 9 meses, e engade no caso de dous deles o delito de resistencia á autoridade, aumentando a pena a máis de 2 anos de prisión.
En Figueres, unha persoa foi arrestada por cortar a estrada. En Bilbao houbo tres detencións e varias persoas investigadas. En Asturias, doce persoas foron detidas nunha soa xornada. En Galicia, dez activistas foron arrestados. En Madrid, as protestas chegaron a provocar a suspensión da etapa final, con novas detencións.
Este patrón repítese fóra do ámbito deportivo. Na Universidade de Sevilla, o 11 de xuño de 2024 estudantes que participaron nun peche pacífico para esixir a ruptura de vínculos académicos con institucións israelís foron desaloxados pola policía e un deles está á espera de xuízo, enfrontando unha petición de dous anos de prisión.
Máis recentemente, a Delegación de Gobierno de Madrid sancionou con multas de 700€ pola Lei Mordaza a doce persoas que realizaron unha perfomance ás portas da Feira de Armas en Madrid en maio de 2025, para visibilizar o rexeitamento á industria militar.
Tamén en Madrid, durante unha protesta ante a embaixada de Exipto en xullo de 2025, varias persoas foron detidas tras unha intervención policial que incluíu empuxóns e golpes contra manifestantes, algúns deles de idade avanzada.
Para Amnistía Internacional, estes casos evidencian un patrón preocupante: accións de desobediencia civil non violenta están a ser tratadas como infraccións graves ou mesmo como delitos, cando só son o exercicio de dereitos humanos por parte dos seus protagonistas.
Uso excesivo da forza: gas pementa, porras e balas foam
Á resposta sancionadora súmase o uso excesivo da forza por parte dos membros da policía. Durante a última etapa da Vuelta en Madrid, en setembro de 2025, observadores de Amnistía Internacional documentaron actuacións que consideran incompatibles coas normas internacionais.
Rexistráronse golpes con porras contra manifestantes e xornalistas, impactos nas costas e a cabeza e o uso de spray pementa para dispersar concentracións pacíficas.
En Becerril de la Sierra, axentes da Garda Civil golpearon e asperxeron con gas lacrimóxeno a activistas que participaban nunha acción de desobediencia civil pacífica, o que derivou en investigacións penais contra oito persoas por delitos de desordes públicas e atentado contra a autoridade. Un dos activistas foi detido sufrindo violencia policial.
O uso de gas pementa repetiuse noutros contextos. En Barcelona, un grupo numeroso de persoas levaron a cabo unha sentada pacífica para impedir o paso do autobús que levaba ao equipo de baloncesto israelí Hapoel Jerusalem hasa o lugar do partido, o 15 de outubro de 2025. Mentres estaban sentadas no chan, estas persoas foron asperxidas a pouca distancia e sen aviso previo con espray irritante.
Os xornalistas tampouco quedaron á marxe. En Barcelona, tamén o 15 de outubro, un fotoperiodista recibiu o impacto dun proxectil de foam no brazo. Estaba identificado e nese momento e lugar non estaban a ter lugar nin altercados nin disturbios.
O movemento en solidariedade con Palestina denunciou tamén infiltracións policiais sen autorización nin supervisión xudiciais. A policía accedería a domicilios, a comunicacións privadas e ao ámbito familiar de militantes deste movemento. Todo iso, como recoñeceu o propio Ministerio do Interior, no marco de operacións non autorizadas xudicialmente, descoñecéndose baixo que tipo de supervisión levábanse a cabo esas operacións.
Para a organización, este tipo de actuacións ten un efecto claro: disuadir a protesta.
Recomendacións de Amnistía Internacional
A organización pide á Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte que accións como a interrupción temporal dunha proba deportiva ou a exhibición de símbolos políticos nun estadio, ao formar parte do dereito á protesta cando son pacíficas, non deben recibir sancións de acordo á Lei do Deporte.
Neste mesmo sentido reclama ás Delegacións e Subdelegacións do Gobierno que eviten impoñer sancións con base na Lei contra a intolerancia e racismo no deporte por accións de protesta non violenta, e que incorporen na tramitación de expedientes sancionadores criterios baseados en estándares internacionais.
En relación coas forzas de seguridade, Amnistía Internacional pide ao Ministerio do Interior, á Consellaría de Seguridade do Goberno Vasco e ao Departamento de Interior da Generalitat que garantan que o uso da forza se axuste aos principios de necesidade e proporcionalidade, revisando e facendo públicos os protocolos de uso de armamento menos letal e a que se investigue calquera posible abuso, evitando cargas e uso de porras ou gas pementa contra manifestantes pacíficos e xornalistas. Amnistía internacional está a recoller firmas reclamando ao goberno de España que regule o uso e comercio de equipos policiais. Para rematar, a organización insta ao Goberno e ao Parlamento para retomar a reforma da Lei de Seguridade Cidadá e do Código penal, e a adoptar medidas específicas para evitar que os eventos deportivos se convertan en novos escenarios de restrición do dereito á protesta en España.
