Moitas mulleres que non teñen un fogar seguro nin propio, nin sequera aparecen nos censos habituais. Non durmen na rúa, pero iso non significa que teñan unha casa. Hai mulleres que viven en pisos destinados á prostitución, en clubs de alterne ou en contextos de trata.
Con este artigo de Uxía Oliveira, da Alianza pola Vivenda – Vigo, comezamos a publicación dunha serie de sete de artigos baixo a temática «A Vivenda Cústanos a Vida» que iremos publicando nos vindeiros meses.
En Vigo, cando se fala de persoas sen fogar, a imaxe que adoita aparecer é a dun home durmindo nun caixeiro ou nun banco. Porén, esa visión deixa fóra unha parte importante da realidade: o senfogarismo feminino. As mulleres sen teito son menos en termos estatísticos, si, pero tamén son moito máis invisibles. E esa invisibilidade fai que o problema pareza máis pequeno do que realmente é.
Moitas mulleres que non teñen un fogar seguro nin propio, nin sequera aparecen nos censos habituais. Non durmen na rúa, pero iso non significa que teñan unha casa. Hai mulleres que viven en pisos destinados á prostitución, en clubs de alterne ou en contextos de trata. Ás veces obríganas directamente; outras, captan a mulleres con dificultades económicas ofrecéndolles vivir “gratis” no propio lugar onde serán explotadas sexualmente. Preséntase como unha solución temporal, como unha maneira de aforrar alugueiro, pero en realidade serve para illalas e facer máis difícil que poidan saír desa situación. Ese “teito” non é un fogar. É unha forma máis de violencia.
Tamén hai mulleres que continúan convivindo co seu agresor porque non teñen alternativa habitacional. Moitas vítimas de violencia machista temen abandonar a casa familiar porque saben que os recursos de acollida son temporais e insuficientes. Especialmente as mulleres maiores, sen ingresos propios ou económicamente dependentes da súa parella, viven atrapadas entre o medo á violencia e o medo á pobreza. Algunhas tardan anos en marchar, esperando atopar traballo, que os fillos medren un pouco máis ou conseguir apoio dunha amizade ou familiar. Mentres tanto, seguen vivindo nun lugar onde non están seguras. E aínda así, oficialmente, non contan como persoas sen fogar.
A isto súmase outra realidade: o enorme perigo que supón a rúa para as mulleres. As que viven nela relatan agresións, abusos, violencia sexual, insultos e ataques constantes. Por iso moitas prefiren aceptar habitacións insalubres, pensións indignas ou convivencias inseguras antes que acabar durmindo ao raso. O medo é real e está máis que xustificado.
Falar de senfogarismo feminino é necesario porque o que non se nomea acaba desaparecendo das prioridades políticas. A vivenda tamén é unha cuestión de xénero.
