Nin un paso atrás nos dereitos LGBTIQ+ O auxe global de ataques depredadores que buscan acabar cos alicerces dos dereitos humanos marcou todo 2025. O agravamento de prácticas autoritarias contra a sociedade civil manifestouse tamén en retrocesos dos dereitos LGBTIQ+, cuestionados e reprimidos gravemente por gobernos como o dos Estados Unidos, Arxentina, Turquía, Uganda e […]
Nin un paso atrás nos dereitos LGBTIQ+
O auxe global de ataques depredadores que buscan acabar cos alicerces dos dereitos humanos marcou todo 2025. O agravamento de prácticas autoritarias contra a sociedade civil manifestouse tamén en retrocesos dos dereitos LGBTIQ+, cuestionados e reprimidos gravemente por gobernos como o dos Estados Unidos, Arxentina, Turquía, Uganda e Ghana, entre outros. Algúns, chegando a aplicar prisión e pena de morte.
Nos Estados Unidos, en Arxentina, Turquía e Ghana hai unha preocupante tendencia antidereitos, á que cada vez se suman máis gobernos, empeñados en arrebatar os dereitos conquistados, incluídos os das persoas LGBTIQ+.
Non o imos a permitir, todo ser humano, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero, ten dereito a vivir unha vida libre de violencia e de discriminación. En Galicia houbo agresións homófobas en Pontevedra e Santiago de Compostela nos últimos meses, así que cómpre combater o discurso de odio e promover una cultura do respecto e dos dereitos humanos.
Estados Unidos: 74 leis antiLGBTIQ+ en ano e medio de mandato
O presidente Donald Trump asinou ordes destinadas a «restablecer a verdade biolóxica», definindo o sexo como unha «clasificación biolóxica inmutable: home ou muller». Recortáronse programas gobernamentais que brindan atención a persoas LGBTIQ+ e algúns países advertiron á súa cidadanía que poderían correr o risco de que se lles negue a entrada nos Estados Unidos se a identidade de xénero no seu pasaporte difire do sexo que se lles asignou ao nacer, ou se teñen a marca «X».
A nivel estatal, presentáronse 616 proxectos de lei antiLGBTIQ+, 74 dos cales se converteron en lei, restrinxindo a atención médica para persoas mozas transxénero e censurando contido LGBTIQ+ nas escolas.
A ONG GLAAD documentou 932 agresións antiLGBTIQ+ entre maio de 2024 e o mesmo mes de 2025, o que equivale a 2,5 ao día. Os ataques violentos deixaron 84 feridos e 10 mortos.
Todo isto vulnera gravemente o dereito á igualdade e á non discriminación das persoas LGBTIQ+ no país, así como á liberdade de expresión e de asociación, á intimidade e a privacidade, a formar unha familia e a vivir unha vida libre de violencia.
Arxentina: o triplo crime contra catro lesbianas de Barracas non é un caso illado
O 6 de maio de 2024, o barrio porteño de Barracas foi escenario dun ataque brutal que terminou coa vida de Pamela Cobas, Roxana Figueroa e Andrea Amarante. Un veciño guindou un explosivo caseiro no cuarto onde descansaban polo simple feito de ser lesbianas. Actualmente, Sofía Castro, a única sobrevivente, lidera unha loita pola verdade, a xustiza e unha sentenza que recoñeza plenamente que este horror foi motivado polo odio.
O que pasou en Barracas non é un caso excepcional, senón a punta dun iceberg de violencia sistemática. Os datos son alarmantes:
• Na primeira metade de 2025, rexistráronse un 70% máis de crimes de odio motivados pola orientación sexual ou identidade de xénero que no mesmo período do ano anterior.
• O 31% das persoas lesbianas foron atacadas na vía pública.
• Un 21% sufriu agresións físicas ou verbais dentro da súa propia contorna familiar.
Estes crimes aliméntanse de narrativas que deshumanizan ás persoas LGBTIQ+, sobre todo, desde que en decembro de 2023 Javier Milei asumise a presidencia, o que deixou aínda máis expostas a quen xa viven en situación de vulnerabilidade.
Turquía: “moralidade” como pretexto legal para reprimir
As organizacións LGBTIQ+ en Turquía cada vez son obxecto maior de discriminación, acoso xudicial e censura baixo os pretextos de “obscenidade” e “moral pública”.
A súa investigación penal e axuizamento constitúe unha clara violación da liberdade de expresión e de asociación, alén de discriminar ás persoas LGBTIQ+.
Un dos casos máis flagrantes que se observan no país é o da organización de dereitos humanos Genç LGBTI+, cuxos directivos Emirhan *Şaşmaz, Kerem Dikmen e outros nove membros están a ser xulgados por 10 presuntas violacións da Lei de Asociacións, unha lei que pode utilizarse para disolver grupos da sociedade civil. Tamén se lles acusa de contravir o artigo 41 da Constitución, que protexe os dereitos da familia e da infancia.
Ghana: unha das leis antiLGBTIQ+ máis estritas de África
Ghana aprobou unha das leis máis estritas de África contra a comunidade LGBTIQ+. A lei establece penas de cárcere tanto para quen manteña relacións entre persoas do mesmo sexo como para quen apoie publicamente actividades vinculadas á comunidade, vulnerando gravemente o dereito á igualdade e á non discriminación, así como o dereito á liberdade de expresión e de asociación, á intimidade, a formar unha familia e a vivir unha vida libre de violencia.
Outros países con preocupantes retrocesos: pena de morte en Uganda
No país aínda se aplica a Lei contra a Homosexualidade que discrimina ás persoas LGBTIQ+ e establece penas severas, incluída a pena de morte, por “homosexualidade agravada” e ata 20 anos de prisión por “promoción da homosexualidade”.
Así mesmo, a ONG ugandesa Foro de Sensibilización e Promoción sobre Dereitos Humanos documentou 194 casos de violacións de dereitos humanos contra persoas LGBTIQ+: ataques por orientación sexual ou identidade de xénero.
Non todo son retrocesos: Budapest terá marcha do Orgullo e Géza Buzas queda libre de cargos
A valentía dos organizadores do Orgullo —co apoio de centos de miles de activistas— levaron á fiscalía húngara a retirar os cargos que pesaban contra os organizadores das marchas de Pécs e Budapest.
Así, Géza Buzás-Hábel e o alcalde de Budapest, Gergely Karácsony, quedaron absoltos, demostrando o poder da solidariedade. Esta é unha vitoria colectiva das centos de miles de persoas que alzaron a voz en relación a este caso.
Este ano poderá celebrarse libremente a marcha en Budapest, prevista para o próximo 27 de xuño. Amnistía Internacional espera que tamén poida convocarse sen restricións a de Pécs, xa prevista para o 12 de setembro.
