Benito González Rodríguez, integrante da Global Sumud Flotilla
«Facer algo sempre é mellor que permanecer pasivo ante as inxustizas. Porque, se non facemos nada, Gaza caerá no esquecemento,», Benito González, integrante da Global Sumud Flotilla.
A continuación reproducimos a intervención de Benito González Rodríguez, veciño de Hío, integrante da Global Sumud Flotilla, na recepción do 29 de maio de 2026 no Concello de Cangas organizada por Morrazo por Palestina
Boa tarde!
Vexo desde aquí arriba moitas caras coñecidas e aínda que me sinto coma en familia xa sabedes q a min non me gusta nada estar aquí arriba, que eu son de estar aí abaixo, entre o público.
Pero xa que me toca, asúmoo e estou contento de poder partillar con vós esta viaxe a Gaza, unha viaxe tan complexa e complicada que cada día nos deparaba unha sorpresa. Eu diría que é unha viaxe cara ao ser humano: dende o primeiro día no que decidimos embarcarnos ata o último, no que chegamos de novo as nosas casas cansados e transformados noutras persoas.
Tratarei de dar resposta a un par preguntas que as veces me fai a xente.
A primeira sería por que embarcarse na flotilla?
E a resposta é simple: porque facer algo sempre é mellor que permanecer pasivo ante as inxustizas.
Porque, se non facemos nada, Gaza caerá no esquecemento, mentres nós andamos tan ocupados coas novas necesidades que nos inventan o capitalismo, coas obrigas que nos impoñen os gobernos e como consecuencia do silencio dos medios de comunicación.
E porque, non facer nada é aceptar que. con todo descaro, se invada un pais, e se reclúa á súa xente nun gueto, que pouco a pouco se vaian exterminando, bombardeándoos e ofrecéndolle como alternativas marchar ou morrer de fame, mentres o resto do mundo contemplamos o seu xenocidio televisado, con toda indiferenza: porque a uns poucos lles interesan as súas terras para explotar os seus recursos, ou por interese na súa situación xeoestratéxica.
E en resposta a esta mesma pregunta, dicirlle aos meus netos e ás xeracións que veñan detrás que nos intentámolo, facendo o que puidemos para deixarlles un mundo un pouco máis humano.
En segundo lugar tamén me preguntan se a flotilla cambiou algo a situación dos palestinos.
Eu diría que cambiou moito. Achegamos a Gaza ao mundo, conectamos dalgún xeito cos gazatís. Eles saben da nosa solidariedade, saben que o mundo coñece a súa situación, que hai xente máis alá do mar que sacrifica o seu benestar por eles, que existen os dereitos humanos e que hai persoas cunha cultura, relixión e orixe diferentes que loitan por axudalos, que non están abandonados. Cando menos, transmitímoslles unha luz de esperanza, tratando de impedir que acaben como outros pobos, practicamente exterminados e olvidados.
Hoxe somos testemuñas vivas do que está pasando en Gaza, miramos de cerca a centos de persoas, que poderiamos chamalos fillos dun monstro, tratar como animais a seres humanos sen un mínimo de sensibilidade ou empatía cara eles. Eses pequenos monstros son formados para infundir terror e humillación contra xente pacífica que non comparte os seus intereses.
Pero hoxe tamén somos testemuñas de que unha gran maioría da xente non perdeu esa sensibilidade innata do ser humano e que, nos peores momentos, e en oposición a eses malos tratos e humillacións, nós, os participantes na Flotilla, apoiámonos e arroupámonos entre nós: sen coñecernos, sen compartir nacionalidade, nin cultura e moitas veces sen poder conversar entre nós, polas limitacións dos diferentes idiomas, pero loitando xuntos por unha causa xusta e común, chegando a extremos heroicos como o da muller que se se enfrontou as Forzas de Defensa Israelís para tratar de axudar aos seus compañeiros que estaban sendo golpeados, xogándose ela mesma a vida.
Por último, unha pregunta que tamén me fan é si a Flotilla me cambiou a min.
Estou convencido de que si. Non son a mesma persoa despois de sufrir en propias carnes ese trato que sempre vai ser mellor que o que reservan aos palestinos.
Sabemos que o inimigo ten moito poder, e que os tentáculos do sionismo chegan moi lonxe, como o demostraron os feitos ocorridos en Bilbao ao noso regreso, pero tamén sabemos que se nos mantemos unimos é posible reverter esta situación. En calquera caso, como dicía Labordeta, haberá que intentalo para que poida ser.
Eu aproveito desde aquí para pedirlle á xente do Morrazo, que sempre foi moi solidaria e combativa contra as inxustizas, que siga apoiando a defensa de Palestina, que siga cos boicots aos produtos de Israel, que siga vetando calquera evento apoiado por Israel, que se esixa ós diferentes gobernos para que se ille o monstro, que se ille a Israel, que se rompan toda clase de relacións, que o humano estea no centro dos discursos políticos, e non a economía nin os intereses de poder.
E animo sobre todo ós patróns, que tanto abundan no Morrazo, e que tan demandados están na Flotilla, a que se incorporen a esta loita.
